Os vecinos de As Barxas e a APDR manifestaron a súa inquedanza ao concelleiro pola non demostración da inocuidade das ondas emitidas polas antenas base de telefonía móbil como a da torreta de telefónica de Telefónica na Rúa Barxas nº 18 onde se da unha concentración importante de antenas (aumentadas con outras novas nos derrardeiros meses na mesma torreta) acrecentando a exposición á contaminación electromagnética nunha zona residencial xa afectada por un transformador (no edificio do Concello) e polas liñas de media tensión que lle subministran enerxía.
Ante a non demostración da inocuidade os afectados, que xa tiveron entregadas 832 sinaturas nesta liña o derradeiro 4 de abril de 2008, reclamaron ao concelleiro a aplicación do Principio de Precaución coa retirada destes elementos contaminantes dunha zona residencial.
Ante a información facilitada por Daniel Rodas, concelleiro de Medio Ambiente, a APDR e o colectivo de veciños afectados lembraron que consideran que actualmente, a torreta de antenas de Telefónica, é ilegal xa que non ten concedida a Licenza de Actividade polo concello de Moaña, requisito exixible a todas as antenas de telefonía móbil segundo o Valedor do Pobo (requisito que incumpren a maior parte dos concellos de todo signo en Galiza segundo o último informe presentado recentemente por devandito valedor no parlamento galego).
O concelleiro manifestou o seu interese en manter unha canle de comunicación cos afectados, fornecendo a información no seu haber e a que o poida esixir ás distintas administracións competentes.
O colectivo de afectados e a APDR reclaman en todo caso a aplicación do Principio de Precaución (esixido tamén polo Valedor do pobo no informe mencionado), e tamén lle pediron na reunión o seu apoio para a realización dunhas xornadas informativas sobre a contaminación electromagnética ante a necesidade de levar os debates dá comunidade científica á linguaxe da rúa. O concelleiro comprometeuse a estudar a proposta e a seguir en contacto cos veciños.