Está previsto que o crecemento baixe en 2008 do 2 ao 1,7 por cento con respecto ao ano anterior. Para o 2009 prevese a perda dunha décima máis.
A Comisión Europea prevé un menor crecemento da economía portuguesa durante o 2008, pasando do 2 ao 1,7 por cento, o mesmo valor estimado para a Zona Euro. O déficit público verase agravado, segundo os informes da CE, pola baixada do IVE até o 20 por cento, medida que entrará en vigor a partir de xullo deste ano.
Dende Bruxelas revelaron que as expectativas de expansión da economía portuguesa están sendo coartadas polas dificultades económicas que enfronta Europa. A previsión de crecemento, situada no 1,7 por cento, sitúase bastante por debaixo do crecemento do 2,2 por cento que actualmente agarda o goberno luso. Para 2009, a Comisión estima que Portugal medre tan só o 1,6 por cento, en contraposición coa previsión de expansión do 2,1 por cento que se calculou en febreiro deste ano.
O Executivo europeo estima tamén que a inflación nos Quince chegue en 2008 até o 3,2 por cento, superando os 2,1 rexistrados en 2007. Aínda así, prevese un descenso até o 2,2 por cento no vindeiro ano, impulsado pola suba dos prezos do petróleo e da alimentación.