A nova canle programará espazos centrados nesta cultura e servirá tamén para mostrar natureza multicultural do país.
Os indíxenas maias de Guatemala contan xa cunha canle televisiva a través da que se van emitir programas centrados na súa cultura. Esta iniciativa da Academia de Linguas Maias Guatemalteca (ALMG), conta cun orzamento pequeno, polo que nun comezo só poderá verse na capital, aínda que hai intencións de que poida verse en todo o país para o vindeiro ano.
A nova canle emitirá diariamente en tres quendas de trinta minutos cada unha e que contará con diferentes temas dependendo da data do calendario maia na que nos atopemos, programas para nenos e outra sección informativa dividida en tres partes: cultura, noticias e tecnoloxía.
Actualmente preto de seis millóns de indíxenas maias viven en Centroamérica, a súa maioría en Guatemala, mais tamén en México e Belice. Da actual poboación guatemalteca, aproximadamente o 40 por cento teñen orixes maias, e esta nova iniciativa supón, segundo a representante das viúvas de guerra maias, Rosalina Tuyuc, unha aposta pola difusión e o coñecemento dos dereitos deste pobo.