Critican que precisan agardar entre catro e seis meses a que se lles recoñeza a titulación.
Enxeñeiros de Galiza e do Norte de Portugal están a traballar para que haxa mudanzas lexislativas que permitan o exercizo da profesión nos dous lados da fronteira. Na actualidade se un enxeñeiro galego quere exercer en Portugal ten que agardar entre catro e seis meses que se lle recoñeza a titulación e igual pasa se o caso é o inverso.
Os enxeñeiros das dúas bandas da Raia consideran que a estreita relación entre as dúas comunidades ten que servir para que os gobernos reflexionen sobre as necesidades de eliminar trámites burocráticos. Gerardo Saraiva, un dos promotores da iniciativa, sinala que “non ten sentido que, nun mercado aberto, aínda haxa tantas dificultades”.