Un grupo de internautas que comparten a afección poñen en marcha a primeira web galega e en galego sobre este estilo.
Alberto Grandal
Alberto Grandal, de 19 anos e de Salvaterra do Miño, é o principal impulsor da web Galizaelectrónica.com. A páxina é a primeira no país en estar dedicada por completo ao mundo da música electrónica, con información sobre discos, concertos, picadiscos, festas, biografías e tamén reportaxes sobre a traxectoria de grupos de todo o mundo.
-Como naceu a idea de crear Galiza Electrónica?
-Xurdiu por necesidade. Pensamos que tiña que haber unha web con información sobre festas, DJ's, produtores... todo o que xira arredor da música electrónica, e que non existía até agora en Galiza.
-Cantas persoas compoñedes o equipo da web?
-Somos tres persoas. Eu fixen a web, dous máis encárganse das noticias, e outros tres ou catro son os que escriben e traducen os textos e informacións ao galego.
-Como vos xuntastes para poñer en marcha a páxina? Coñeciádesvos?
-En realidade, só coñezo un deles en persoa. O resto coñecémonos a través do messenger, polo feito de que compartimos gustos musicais.
-De onde sacades a información?
-Sacamos a información da rede. Buscámola en páxinas, pero tamén en revistas de música electrónica, como é o meu caso. Pero non nos limitamos a copiar sen máis. En internet hai moita información, tamén nas webs dos autores.
-Credes que faltaba un oco para a música electrónica na internet galega?
-Penso que era necesario contar con esta web, porque até o momento non había nada semellante. E o resultado é que estamos a ter unha boa acollida. Recibimos moitas mensaxes de xente que nos felicita e que quere colaborar.
-Cantos lectores estades a ter?
-Dende o 1 de abril até hoxe recibimos unhas 2.000 visitas. Parécenos que é unha cifra bastante boa, sobre todo porque tampouco tivemos moita promoción.
-Hai afección por este tipo de música en Galiza?
-Si, hai moitísimos seguidores de música electrónica. Ademais é un estilo que ten moitas variantes e que por iso pode chegar a grupos e a xente moi diversos.
-E por que decidistes apostar polo galego como lingua da web?
-Precisamente porque a web, aínda que trata temas de artistas que non son galegos, está dirixida a un público do país. Faltaba por cubrir o oco na música electrónica en Galiza. Ademais, tamén facemos promoción de DJ's e de produtores galegos para que conten cunha biografía e poidan difundir os seus traballos.
-Aínda que sodes bastante novos, de arredor de vinte anos, tamén tratades temas doutras décadas...
-En realidade temos colaboradores de todas as idades. Queremos que xente de todos os grupos con interesa pola música electrónica atope o seu espazo nos contidos da web. Os artigos sobre música dos anos 80 son do noso colaborador de máis idade, que ten trinta e tantos anos.