Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DA LECTURA

Abril, libros mil

Destinarase máis dun millón de euros en achegar as letras aos sectores e espazos menos sensibilizados, levando os libros á rúa, ás praias ou aos centros de saúde.

Redacción - 12:25 22/04/2008

Estamos no gran mes das letras, dende o 23 de abril (Día do Libro) até o 17 de maio, e a véspera da primeira desas datas foi a escollida pola Consellaría de Cultura para lanzar a súa campaña de promoción do libro e a lectura. A campaña, na que se investirá máis dun millón de euros, fíxose pública no Café Literarios que preside a Praza da Quintana de Compostela. E o tópico da chuvia de abril tampouco non faltou á presentación.

O obxectivo da campaña é incrementar os hábitos de lectura entre os sectores poboacionais menos sensibilizados, mediante a promoción do uso das bibliotecas públicas, a potenciación da función cultural das librarías, pero tamén a través da apertura do mundo do libro a novos espazos, coma o deporte, ou as praias, favorecendo en conxunto o mercado da edición.

Libros nas praias, centros de saúde e nos estadios deportivos
Ademais dos investimentos que se realizarán na Rede Galega de Bibliotecas e noutros sectores naturalmente ligados ás letras, a campaña realizará accións concretas en espazos non tan habituais, co obxectivo de levar os libros á rúa. Por exemplo, circularán polo país bibliotecas móbiles, centos de libros estarán dispoñíbeis nos medios de transporte públicos, e as letras mesmo chegarán aos grandes eventos deportivos do país e ás praias, co reparto de exemplares de balde durante o verán en Viveiro, Riazor ou Samil.

Aínda que de xeito oficial a campaña comezará este mércores, dende hai uns meses veñen desenvolvéndose accións de promoción do libro, como a iniciativa Lendo espero, que levou libros aos centros de saúde, a creación de Clubes de Lectura, a organización de Semanas do Libro e da Lectura nunha ducia de vilas de todo o país, ou a posta en marcha do portal Praza das Letras.

A iniciativa encádrase dentro do Plan da Lectura, que presentou Ánxela Bugallo no Parlamento en outubro e que ordena por vez primeira de forma integral todos os esforzos que se realizan para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector. Até o 2011 investiranse 50 millóns de euros no desenvolvemento do Plan. Este ano, en concreto, a Consellaría de Cultura destinará 9 millóns de euros ao fomento da lectura e da edición en galego.

Éxito do Plano Nacional de Leitura en Portugal
Portugal presentou esta segunda feira un traballo que analiza o primeiro ano de aplicación do Plano Nacional de Leitura, realizado polo sociólogo António Firmino da Costa. O PNL ten unha consideración positiva entre os enquisados que maioritariamente concordan en que os hábitos de lectura aumentaron; porén máis de dous de cada tres portugueses considera que no país se le menos do que no conxunto da Unión Europea. O barómetro reflicte unha gran fenda relativa ao gusto pola lectura en función do nivel de estudos dos portugueses; así, o gusto pola lectura está presente no 98 por cento dos inquiridos con ensino superior e apenas no 29 por cento daqueles que non posúen formación.

En calquera caso, o estudo indica que para a maioria dos portugueses a lectura é útil, nunha porcentaxe que creceu nos últimos anos. Os responsábeis do plano fan unha avalición positiva dos resultados desta enquisa, e tamén das medidas encetadas o pasado ano, tendentes a fomentar a lectura en todos os niveis de idade e ámbitos da sociedade, dende o ensino primario até os centros de saúde.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: