Continúan a bon ritmo as obras de construcción do novo mercado de abastos, polo que será posible que se inaugure antes das próximas eleccións municipais, como é desexo dos edís do Partido Popular. Nestes días nos que se procede á colocación da estructura metálica que conforma a cuberta do novo mercado, os operadores do mercado están a confeccionar os planos da distribución dos postos de venda para entregarllos ó Concello de Ferrol en breve.
Diversos grupos políticos municipais teñen criticado ó procedemento que se
está a seguir para establecer a distribución dos postos do novo mercado de
abastos da Madalena. Segundo algúns grupos da oposición, a distribución dos
postos é tarefa que lle compete ó goberno local, xa que logo, o mercado é
de titularidade municipal. A proposta presentada, aínda está suxeita a
novas modificacións, e logo de que a aproben os vendedores do mercado, debe
ser aprobada oficialmente pola Comisión de Goberno do Concello de Ferrol.
Se non xurden complicacións de última hora, as obras do mércado poderían
finalizar no mes de maio, data comprometida pola empresa ACS encargada da
construcción desta instalación. O Proxecto inicial podería sufrir algunha
modificación se prosperan as conversas que dende o Concello se manteñen coa
diocese de Mondoñedo-Ferrol co obxecto de modificar a Praza de San Xiao, co
fin de recuperar un antigo deseño desa praza. Esta reforma sobre o proxecto
inicial permitiría ademáis modificar e ampliar a saida do aparcamento
subterraneo construido nos baixos do novo mercado municipal.