O incremento dos custes de produción e o descenso do prezo do leite fan que moitos produtores atopen serios problemas para continuar cos seus negocios.
Ante os requisitos da Unión Europea para a produción leiteira, foron moitos os gandeiros que modernizaron as súas explotacións, co seu conseguinte gasto. Anos despois, o investimento está feito, as granxas están a funcionar, pero o prezo do leite segue sen estabilizarse, imposibilitando en moitos casos que os produtores recuperen os cartos investidos. José Manuel Gestoso é un destes gandeiros. Conta con 70 vacas que producen aproximadamente 1.200 litros diarios, afirma traballar de luns a luns 11 horas diarias e sen embargo non obtén apenas beneficio debido á inestabilidade do prezo do leite e á falta dun contrato homologado.
Outro dos problemas que atopan os gandeiros é o das subvencións. Segundo afirma Manuel Carbia, son eles os que teñen que xestionar todos os papeleos pero logo isto non se reflicte nos beneficios: "loitamos contra a burocracia para que logo sexan as agroindustrias as que levan os cartos". O gandeiro da zona do Ulla, afirma que o seu sector non está ben visto debido a que reciben subvencións, pero sen embargo, estas axudas non supoñen un incremento do beneficio xa que "cando as industrias negocian o prezo que nos van pagar por litro de leite, xa lle suman o que imos obter coas subvencións, así que realmente eses cartos son para eles".
Estas granxas son exemplo de modernidade e avances técnicos. Ambas as dúas contan cos requisitos da Unión Europea e incluso os superan, apostando forte pola promoción do sector. A diferencia do que sucede noutras explotacións, as mulleres dos propietarios dos terreos son socias das empresas gandeiras, o que en moitos casos "supón un gasto engadido debido de novo á burocracia". Tamén son creadores de emprego, como no caso de Manuel Carbia, que conta cun traballador contratado. Esta empresa ten ademais o valor engadido de traballar a prol da sostibilidade ambiental. As súas vacas pastan libremente por unha leira, axudando a manter limpo ese terreo e evitando tamén o perigo de incendio.