Un estudio de Caixa Catalunya indica que en Galiza o metro cadrado será 55 euros máis barato có ano anterior.
A pesar de que as inmobiliarias afirman o contrario, un estudo levado a cabo por Caixa Catalunya indica que os pisos de nova construción vanse abaratar en 2008, por primeira vez dende hai doce anos. O prezo diminuirá en 55 euros por metro cadrado, ao pasar dos 1.622 aos 1567 euros de media.
Segundo se prognostica no capítulo de aforro e gasto do informe elaborado por Caixa Catalunya, tras rematar o "boom inmobiliario", o prezo dos pisos se reducirá un 3,4 por cento, unha porcentaxe superior á media estatal, que se sitúa no 2,2 por cento. Segundo datos recollidos polo Ministerio de Vivenda, non se producía un descenso similar dende o ano 1996, antes do comezo do auxe inmobiliario e no que os prezos baixaron de 653 a 609 (o incremento en 12 anos foi do 166 por cento).
O custe da vivenda e o esforzo financeiro son os factores básicos para recoñecer a evolución do gasto xeral das familias. Prevista a ralentización do crecemento económico e da creación de emprego, este informe sinala que o consumo dos galegos vai seguir medrando en 2008, aínda que con menos intensidade. A perda de poboación e a creación de novos fogares tamén será máis moderada, aínda que o gasto medio por cidadán chegará aos 10.500 euros ao ano.