Diversos organismos internacionais avisan da alarmante subida do custe dos alimentos, condicionada entre outros pola produción de biocombustíbeis.
A inflación dos prezos dos alimentos está medrando globalmente, encarecéndonos a vida a todos, pero facéndoa insostíbel para os cidadáns dos mercados en vías de desenvolvemento que comezan a ver como os alimentos básicos dos que dependen alcanzan prezos que non poden pagar.
Neste senso, entre outros factores, xoga un importante papel a produción de biocombustíbeis. O aumento da produción de biocombustíbeis contribuíu a alza dos prezos dos alimentos. A preocupación polos prezos do petróleo, a seguridade enerxética e o cambio climático impulsaron aos gobernos a incrementar a produción e o uso de biocombustibeis, o que levou a unha maior demanda de materias primas.
Afondando no problema atopámonos cun crecemento dun 1,167% da poboación mundial, o que supón 80 millóns de novas bocas que alimentar cada ano.
A medida que os mercados emerxentes como a India e China acumulan riqueza, os seus consumidores esperan converterse precisamente niso: consumidores, con máis carne e, en definitiva, máis alimentos na súa dieta. A medida que se enriquecen, as persoas tenden a comer máis carne, ironicamente unha forma de consumo máis intensa en cereais, xa que para producir un único gramo de carne de vacuno, son necesarios sete gramos de cereais.
A urbanización crecente, en particular en países en vías de desenrolo, tendeu a engulir o terreo agrícola dispoñible. Ademais, as técnicas agrícolas intensivas das últimas décadas esgotaron o terreo, polo que a súa produtividade está caendo. A erosión e a desertización tamén están reducindo o terreo de cultivo.
Chamada a atención do Banco Mundial e diversos organismos internacionais pola alarmante subida dos prezos dos alimentos
Os elevados prezos dos alimentos poñen en serio perigo os logros recentes en materia de superación da pobreza e da desnutrición, segundo indica a nova nota sobre políticas do Banco Mundial dada a coñecer esta semana.
“As persoas pobres sofren a diario o impacto da alza dos prezos dos alimentos, en especial nas zonas urbanas dos países de baixos ingresos”, sostivo o presidente do Banco Mundial, Robert B. Zoellick.
Segundo o informe titulado Rising Food Prices: Policy Options and World Bank Response (Aumento do prezo dos alimentos: Opcións en materia de políticas e resposta do Banco Mundial), os aumentos nos prezos internacionais do trigo alcanzaron o 181% durante o período de 36 meses que rematou en febreiro do 2008.
Este ano a FAO anunciou que 36 países se atopan en crise como resultado da alza so prezos dos alimentos e que requirirán asistencia do exterior.
Os prezos dos alimentos, con unha subida menos visíbel que a do petróleo, ten “o efecto potencial dunha tsunami económica e humanitaria en África”, alertou tamén esta mesma semana a Comisión Europea. Louis Michel, comisario de Axuda Humanitaria, mostrouse moi preocupado por esta situación e esixiu a colaboración internacional para asegurar a alimentación deste continente.
Crecemento económico sostíbel e redución da pobreza.
Estes datos reflicten un importante correlación inversa que se está empezando a xerar entre dous conceptos clave, crecemento económico sostible e redución da pobreza. Por un lado, temos unha importante inflación nos prezos dos alimentos que en gran parte é provocada polo forte aumento na demanda de cereais para a produción de biocombustibeis e un gran incremento demógrafico, e por outro, unha necesidade cada vez maior de produción deses biocombustibeis para poñer freo ao quencemento global e facer fronte a unha demanda cada vez maior dos mesmos.
Nesta tesitura, atopámonos dentro dun marco socioeconómico con importantes desigualdades entre e dentro dos diferentes países, cun forte crecemento demográfico, cun insuficiente nivel de investimento tanto público como privado para a innovación nas técnicas de produción de enerxías limpas, e cun modelo de crecemento económico a nivel mundial baseado na explotación dos recursos naturais de maneira descontrolada sen unha regulación internacional efectiva que o impida. Por tanto, e con estes condicionantes, existe a curto e medio prazo, unha incompatibilidade entre crecemento económico sostible e redución da pobreza.