Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza entra no debate

Zapatero recoñece "deficiencias" no voto exterior e fala de "estudar" reformas

O presidente español dá a entender que non poñerá obstáculo ao traspaso de competencias. Jorquera admite ver "boa disposición" pero adianta que se absterá á espera de compromisos firmes.

Redacción - 22:15 08/04/2008

Na quenda de réplica ao discurso de Francisco Jorquera (BNG), o presidente español, José Luís Rodríguez Zapatero, recoñeceu que no voto da diáspora hai “moitas deficiencias”. Zapatero comprometeuse a tratar o asunto nunha ponencia sobre a Reforma da Lei Electoral vixente, aínda que matizou que era un asunto “complexo” co que “hai que poñerse xa a traballar”. O socialista tamén deu a entender que o seu goberno non poñerá obstáculos ao traspaso de novas competencias. En canto aos astaleiros de Ferrolterra, o presidente en funcións volveu a dicir que a propia UE poñía atrancos á súa reconversión. En cambio, non fixo referencia algunha ao sector leiteiro.

Rodríguez Zapatero esforzouse en debuxar un panorama de boas relacións entre os nacionalistas galegos e os socialistas: “Hai unha experiencia positiva nas relacións co Bloque tanto en Galiza como en Madrid”. Referiuse ao bipartito galego como auténtico revulsivo para que “Galiza se estea a converter nunha comunidade punteira no Estado”. A chiscadela cara o BNG chegou a tal punto que Zapatero acabou encargándolle a Jorquera que lle dese saúdos a Francisco Rodríguez co que dixo ter unha “relación de afecto” que se forxou na pasada lexislatura.

Jorquera agradeceulle a “boa disposición” pero matizou que o Bloque ten que dar un voto en branco provisional até que haxa compromisos concretos e firmes. Así afirmou que, aínda que a reforma do voto emigrante pode ser complexo, non hai nada que impida que os emigrantes voten en urna nunhas condicións de “mínima calidade democrática”.

Jorquera: máis autogoberno e defensa dos sectores produtivos (21.40 horas)

Máis autogoberno e defensa dos sectores produtivos galegos, estes foron os dous eixos centrais da intervención do nacionalista Francisco Jorquera no seu debú no parlamento español. Jorquera advertiu que non se pode dar por pechado o proceso autonómico e lembrou que Galiza aspira a contar cun novo Estatuto tan pronto se dean as condicións políticas en Galiza para que se desbloquee o proceso: “entre tanto, aspiramos a reforzar o noso autogoberno completando o mapa competencial recoñecido no Estatuto vixente”. O nacionalista lembrou competencias como salvamento marítimo, xestión de aeroportos e portos e tráfico e seguridade vial

Jorquera advertiu que non pode haber “autogoberno sen autonomía financieira real”, a este respecto subliñou que “avogamos por un novos sistema de financiamento autonómico que aposte pola responsabilidade fiscal plena, pola territorialización dos tributos e a creación dunha Axencia Tributaria propia”. Ademais considerou prioritario que nesta lexislatura se reforme o Senado, o Tribunal Constitucional e que haxa avances na participación das comunidades autónomas na UE

Dende o Bloque tamén fixeron fincapé na necesidade de que o Estado “salde a débeda con Galiza en materia de infraestruturas”. Jorquera demandou a fin das trabas ao sector naval, unha política que lle dea máis capacidade produtiva ao sectore leiteiro e competencias para rachar a fenda dixital. Á vez solicitou a reforma do sistema de voto da emigración que cualificou de “escandaloso” pola falta de garantías.

Os nacionalistas galegos expresaron o seu temor a que nesta lexislatura haxa un “bipartidismo de facto” que empobreza o pluralismo político do Estado. O Bloque botoulle en cara ao PSOE a falta de flexibilidade no regulamento do Congreso para subdividir o grupo mixto.

Ponencia para ver a posibilidade dunha reforma da Lei Electoral (20.55 horas)

ERC e IU amosáronse especialmente críticos co candidato socialista. O catalán Joan Ridao pediulle ao presidente en funcións que "deixe de poñer paus nas rodas" e desenvolva plenamente o Estatuto de Cataluña. O voceiro de ERC considera que Zapatero pode caer na tentación dunha viraxe "recentralizador".

Pola súa parte, Gaspar Llamazares (IU) asegurou que non votaría a prol do candidato se antes non había unha reforma da Lei Electoral "para que se retome o principio de unha persoa un voto". Á marxe desta petición, Llamazares anunciou que ía facer unha oposición implacábel logo de acusar a Zapatero de esquencerse dos traballadores: "A crise económica é tamén o esgotamento dun modelo que é fráxil e inxusto. Antes da crise xa tiñamos o estado de benestar máis fébel de Europa".

Zapatero comprometeuse a crear unha comisión que estude posíbeis cambios na Lei Electoral, aínda que asegurou que o sistema actual foi até o momento válido.

Zapatero promete publicar as balanzas fiscais antes de dous meses (19.20 horas)

En resposta a Durán i Lleida (CiU), o presidente español anunciou a súa intención de publicar antes de dous meses as balanzas fiscais das autonomías (os datos do que achegan e do que reciben), tal e como demandaban os nacionalistas cataláns dende a pasada lexislatura. Tamén se comprometeu a reformar o sistema de financiamento conforme ao Estatut.

Pouco antes, o representante de CiU anunciara que non lle podía dar un "cheque en branco" ao candidato e pedíralle xestos claros para futuros pactos. Durán e Lleida deixou entrever que ían optar pola abstención: "Recoñecemos o seu éxito electoral pero non podemos apoiar a súa investidura".

Sen acordo posíbel con ETA (18 horas)


Socialistas e populares semellan estar máis cerca en canto a estratexia de loita contra ETA. Zapatero reiterou que nesta lexislatura non vai haber ningún tipo de diálogo con ETA e avogou como única alternativa pola vía policial e o acordo entre partidos. Rajoy móstrase a prol destas mesmas bazas.

Rajoy arremete contra Zapatero pero deixa a porta aberta a pactos (17.50 horas)

O líder dos conservadores españois mantívose moi crítico cos socialistas e anunciou que o voto do PP ía ser negativo. Porén, Mariano Rajoy deixou aberta a porta a posíbeis "pactos de Estado" co PSOE en asuntos como o da loita contra ETA ou o da cris económica. O presidente da formación de dereitas ensaiou un discurso duro pero máis moderado que na pasada lexislatura.

As forzas nacionalistas temen unha lexislatura marcada polo centralismo (17.30 horas)

Rodríguez Zapatero debullou no discurso de investidura un discurso ben diferente ao de hai catro anos. O candidato socialista intentou durante toda a súa primeira intervención tender pontes co PPdeG e lanzar a mensaxe de que o Estado Español precisa de políticas de consenso entre os dous grandes partidos.

O feito non pasou desapercibido para moitas das forzas nacionalistas que teñen representación no Congreso. Dende as filas do BNG, o deputado Francisco Jorquera subliñou que se atopaba diante dun discurso con “luces e sombras”. Así Jorquera lembrou que Rodríguez Zapatero non fixo ningunha mención a reformas institucionais como a do Senado. Tamén se mostrou contrariado polo anuncio de que o Estado reservará máis do 50% do gasto público, feito que cualificou de “recentralizador”.

Outras forzas nacionalistas como CiU e ERC mostraron unha percepción semellante. O voceiro de ERC, Joan Ridao, afirmou que era preocupante que o presidente español queira “intervir en ámbitos cataláns como a Educación, os Servizos Sociais ou a Sanidade”. En CiU tamén pensan que o goberno estatal quere limitar determinadas competencias autonómicas.

Zapatero comeza o debate de investidura falando da desaceleración económica (13.22 horas)

O presidente en funcións do goberno español inaugurou ás 12.06 minutos o debate de investidura no Congreso. Rodríguez Zapatero non eludiu nos primeiros instantes da súa intervención os efectos da crise económica: “Pido a súa confianza para superar da man dos empresarios e traballadores a fase de desaceleración económica que atravesa a nosa economía”. O líder socialista recoñeceu que os vindeiros meses poden ser duros para o emprego e o medre económico, porén asegurou que o goberno ten recursos para remontar con éxito a crise nesta lexislatura.

Malia o complicado horizonte económico que debuxou, Zapatero sinalou que esta situación non pode deter as políticas sociais do executivo. Entre outras medidas, anunciou que esta lexislatura o salario mínimo quedará fixado en 800 euros á vez que anunciou aumentos nas pensións.

O candidato socialista fixo máis dunha chiscadela cara as bancadas conservadoras. Zapatero avogou por unha lexislatura “serena e de consenso”. O aínda presidente en funcións considerou un obxectivo primordial a unión de forzas políticas contra ETA.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: