Bota a andar a iniciativa 'Mil festas máis para a lingua galega'.
Un total de 115 concellos deron a coñecer este venres o seu compromiso por reforzar a idiosincrasia das festas populares, máis de 7.000 en todo o país, asinando a declaración Mil festas máis para a lingua galega.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presidiu o acto que tivo lugar en Redondela, e que contou coa presenza de arredor de 80 representantes dos 62 concellos que puideron acudir.
Os concellos comprométense a usar a toponimia oficial, á corrección do uso gramatical da lingua, á elaboración na mesma dos contratos das bandas musicais, a editar a publicidade en galego, a reservar un mínimo de repertorios musicais para a nosa lingua e a utilizar a simboloxía propia de Galiza, así como fomentar a querenza pola identidade territorial do país.
No acto tamén participaron Xosé González, impulsor da iniciativa e técnico de cultura do Concello de Redondela; Xaime Rei, alcalde do municipio; e Benigno Sánchez, director xeral da CRTVG, que presentou un documental de dez minutos realizado ex profeso para o acto.