Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRMH

O 'Juan Canalejo' non é prestixio, é "unha incomprensíbel vergoña"

"Deixaron de ser referencia os centros 'Francisco Franco' de Madrid e Barcelona cando mudaron nome a 'Gregorio Marañón' e 'Vall D'Hebron'?".

Redacción - 09:00 03/04/2008

Non hai que ir até Madrid ou Barcelona, como é o caso dos exemplos anteriores, para atopar un caso de cambio de nome nun centro hospitalario deste tipo. Así, o hospital "Hermanos Pedrosa Latas", dous "coñecidos fascistas", segundo recordan desde a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), converteuse no Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, o mesmo que o "Almirante Vierna" chámase hoxe Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do mesmo xeito que as cidades sanitarias bautizadas como "Francisco Franco" en Madrid e Barcelona e que foron rebautizadas respectivamente como "Gregorio Marañón" e "Vall D'Hebron".

"Deixaron de ser unha referencia, perderon estes hospitais o seu prestixio ou deixaron de ter un recoñecemento da comunidade científico-médica cando cambiaron o nome?", preguntan desde a CRMH, insistindo en que é "incomprensíbel e unha auténtica vergoña para A Coruña manter o nome de Juan Canalejo cando en todo o Estado buliron en desfacerse destes nomes de escuro recordo.

A Consellaría de Sanidade recibiu este mércores o rexistro formal da solicitude do colectivo para que o nome do centro hospitalario coruñés sexa modificado. A petición conta ademais co aval de numerosos sectores da cidade, incluídos os sindicatos CCOO, CIG, CNT e CGT. O documento "Pola dignidade e a xustiza" foille xa entregado hai tempo ao alcalde e a todos os grupos municipais. Agora, a CRMH agarda que en aplicación da lei da Memoria Histórica a consellaría de Sanidade "tome, á maior brevidade, a decisión política de cambiar o nome do Hospital Juan Canalejo". "É hora xa de abandonar supostos criterios técnicos ou administrativos para xustificar a situación actual ou atrasar a aplicación das leis", critican, chamando a que se trate o cambio de nome "como o que é: unha cuestión política, de xustiza, de dignidade, de recuperación da memoria histórica e de consolidación da democracia".


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: