O alcalde de Catoira aproveita un multitudinario xantar con emigrantes en Arxentina para pedirlles que comuniquen calquera cambio no censo.
Dende hai anos, as andanzas dos políticos galegos pola diáspora erguen polémica. Antes e depois de cada cita electoral é habitual que alcaldes de moitos concellos do país acudan en viaxes oficiais até Sudamérica ou Suíza, por exemplo, para encontrarse cos emigrantes. Agora, o youtube dá algunhas pistas de como son este tipo de encontros.
Hai poucos días, un internauta pendurou na rede un vídeo do encontro do alcalde de Catoira, Alberto García (PSdeG), con emigrantes en Bos Aires. O acto tivo lugar unha semana despois das últimas eleccións xerais. Nos máis de 9 minutos que dura a gravación pódese ver un multitudinario xantar, unha actuación con “cancións lixeiras españolas” e un fragmento da intervención do rexedor, acompañado por un empresario do municipio. O máximo mandatario de Catoira aproveita a ocasión para pedir que “se hai algunha alta no censo, comunicádenola para que eu poida seguir dirixíndome a vós e vós a min”.