A última proposta do Centro Coreográfico Galego chega a Compostela coa participación da cantante Mercedes Peón.
O Kiosco das almas perdidas pon en escena a 11 bailaríns e 11 bailarinas que reflexionan sobre a vida e a capacidade do ser humano de responder a ela cunha posta en escena interdisciplinar na que se mesturan a danza, o ilusionismo, o teatro, o vídeo, a animación e a música en directo, a cargo de Mercedes Peón. Os artistas pasarán o sábado 29 e o domingo 30 polo Auditorio de Galicia para mostrar aos asistentes esta nova proposta do Centro Coreográfico Galego.
Dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván, O Kiosco das almas perdidasbusca unha reflexión da vida a través de individuos expulsados, desconectados e abandonados, que loitan por acadar unha nova fórmula de supervivencia. A nova produción do Centro Coreográfico Galego, inspíranse no lugar do Berbés, na cidade de Vigo, como "metáfora de punto de encontro onde se dan cita mariñeiros, intelectuais, prostitutas... personaxes que se atopan ao chegar a luz do día", segundo indicou o asistente de dirección da obra, Eric Jiménez.
Colaboración interdisciplinar
O director do espectáculo, Roberto Oliván, contou coa colaboración de profesionais de diferentes disciplinas artísticas para finalmente obter unha produción aberta e dinámica. O proxecto enriqueceuse coa participación de profesionais como Mercedes Peón, a cargo da música, o Mago Antón e Baltasar Patiño, responsábeis da maxia e da iluminación; Muriel Félix e Fiumoto na videocreación e Roberto Magro 'Tober' na dramaturxia.
Mercedes Peón defínese como "DJ" dentro do que sería o after no que se enmarca a produción, pero ante todo destaca a "música sincera" que creou para este espectáculo e coa que "os bailaríns se inspiran".