Un fragmento dunha canción popular gravada polo inventor francés Édouard-Léon Scott de Martinville é rescatada por un grupo de historiadores.
Gravado do fonoautógrafo
Un grupo de historiadores estadounidenses deu a coñecer a primeira gravación sonora que se coñece, feita 17 anos antes de que Thomas Edison inventase o fonógrafo. En 1860, o inventor francés Édouard-Léon Scott de Martinville conseguiu rexistrar a interpretación da canción popular 'Au clair de la lune' cun dispositivo chamado fonoautógrafo.
O aparello gravaba as ondas de son cunha pluma nunha folla de papel escurecido co fume dunha lámpada de aceite. Os investigadores publicaron na web FirstSounds.org o fragmento da canción, duns dez segundos, que di "Au clair de la lune, Pierrot répondit". O son recuperouse despois dun sofisticado proceso no Laboratorio Lawrence Berkeley que incluíu o escaneado a alta resolución da folla.
Segundo o historiador David Giovannoni, "é como ter unha pantasma cantándote", "é como descubrir a fotografía máis antiga do mundo e decatarte de que foi tirada 17 anos de que se inventase a cámara". Segundo Giovannoni, o que pretendía Scott, máis que facer unha gravación, era ter un rexistro visual do son para poder estudalo.