O país nipón está interesado en facer negocios con Galiza nos sectores da alimentación, a pedra e o viño.
A nova casa do concello de Toquio está feita con pedra galega. Este sector, xunto co da alimentación (sobre todo o marrón glacé e o xamón curado), e máis o viño son os principais intereses que o mercado nipón ten en Galiza, segundo se puxo de manifesto nunha xornada sobre o comercio xaponés celebrada pola Cámara de Comercio de Ourense.
O mercado do país asiático é un dos máis "dinámicos, maduros e abertos, pero tamén moi esixente e competitivo", segundo indicou o director de Estudos Económicos da empresa Jetro en Madrid, Ignacio J. Blanco, que sinalou tamén que os nipóns buscan produtos de calidade, deseño, funcionalidade e aplicacións concretas, pero que sobre todo teñen que cumprir tres requisitos: "que o produto tivera éxito no seu propio mercado, que estea presente noutros mercados internacionais, e que aporte algunha característica especial que serva como valor engadido con respecto aos competidores".
O director de Jetro en Madrid, Takamoto Tozuka, mostrou o seu interese en desenvolver novas alianzas de negocias para ampliar o comercio do seu país, e definiu o seu país como unha "plataforma de negocios en Asia" para as empresas galegas. O beneficio tamén é importante para os xaponeses, xa que abren a posibilidade de acceder a outros mercados europeos e a áreas emerxentes de América Latina.
Os produtos galegos no Xapón
O viño supón no país asiático o 3 por cento do mercado total de bebidas alcólicas, e goza de prestixio como consumo e como regalo. Os viños galegos, en particular os brancos, están a acadar moi boa crítica no Xapón, segundo indicou o director de Estudos Económicos de Jetro, aínda que teñen que competir cos caldos alemáns, moi introducidos no país.
O interese do mercado xaponés no noso viño é patente, e do 6 ao 12 de abril un grupo de importadores, distribuidores e prensa especializada dese país viaxarán até Ourense co fin de coñecer un pouco máis as características dos produtos galegos.