Un blog estadounidense rescata unha reportaxe do ano 1968 sobre como sería o mundo 40 anos máis tarde.
Hai 40 anos o 2008 quedaba aínda moi lonxe. Por iso, as predicións que se facían sobre o mundo actual podían resultar un tanto inxenuas ou esaxeradas. O blog de Modern Mechanix (o mañá de onte hoxe) rescata o número de novembro de 1968 da revista Mechanix Illustrated, onde se describe como será a vida no ano 2008.
Na publicación descríbese unha xornada de traballo normal no alternativo século XXI: automóbiles sobre colchóns de aire que corren até os 400 quilómetros por hora guiados por un computador central de tráfico, mentres o usuario le o xornal nunha pantalla plana de televisión, cidades cubertas por cúpulas que as manteñen climatizadas, teléfonos con vídeo dende os que se poden enviar debuxos feitos cun lapis de infravermellos...
Segundo a revista, no ano 2008 o transporte público convertiuse nun dos principais factores de desenvolvemento económico, e os vehículos privados están prohibidos en moitas cidades. Tamén fala de fogares que se autolimpan e que se constrúen a base de módulos prefabricados.
Mechanix Illustrated asegura que as amas de casa do 2008 calcularán os menús semanais e as instalacións de cociña automática encargaranse de preparar as comidas no microondas a base de alimentos conxelados. Os pratos serviranse en louza de plástico dun só uso. Todo no fogar estará controlado por un computador, que mesmo se encargará de avisar os técnicos de mantemento cando algo falle. Os ordenadores farán as reservas de viaxes, enviarán as mensaxes telefónicas e calcularán os impostos e as facturas. Porén, moitas familias non terán ordenador de seu, senón que dispoñerán de tempo en computadores rexionais.
Nese século XXI imaxinario o diñeiro practicamente non existará, grazas ás tarxetas de crédito. As compras poderanse facer tamén por videoteléfono mediante códigos numéricos. As xornadas laborais medias serán dunhas catro horas, aínda que haberá unha parte do tempo libre que se usará para aprender o uso das novas tecnoloxías, unhas dúas horas diarias. Moita desa aprendizaxe farase por cursos por televisión ou a través de fitas, que será tamén o método de ensino principal, prácticas nos campus á parte.
Os televisores ocuparán unha parede enteira e, ademais dos espazos programados, permitirán asistir a espectáculos e filmes de pago. Tamén estarán dispoñíbeis libros en fita de vídeo, que se poderán prestar ou alugar en bibliotecas. As vacacións típicas de 2008 serán en centros de descanso submarinos ou en satélites hotel.
As enfermidades practicamente desapareceron grazas á dieta e aos medicamentos, e os órganos artificiais poden substituír os que fallen. Os diagnósticos fanse nun par de minutos grazas a sensores conectados a un computador.