Quince atletas "en loita pola igualdade de oportunidades" percorrerán de norte a sur, saíndo de Galiza, o país veciño enteiro, até o Algarve.
En xullo deste ano sairá, de Tui e até Faro, a Primeira Volta a Portugal en Cadeira de Rodas, unha competición onde o que máis vai importar é estar, facer ver e darlle forma á reivindicación da igualdade de oportunidades, tamén no deporte.
"É unha loita contra a vergoñenta falta de igualdade de oportunidades coa que todos os dias nos defrontamos. Desta forma probamos aquelo de que somos capaces", contoulle ao Diario de Notícias portugués José Lima, un parapléxico de 53 anos que xa o ano pasado probou a experiencia de percorrer Portugal, de Viana do Castelo a Faro (800 quilómetros) en cadeira de rodas adaptada.
Xa hai 15 persoas apuntadas
Desta vez a cousa está máis organizada, e un dos seus promotores é o propio José Lima, que quedou impresionado da acollida da primeira iniciativa. Lima é un dos creadores do clube Volta a Portugal em Cadeira de Rodas (VPCR), que esta semana será constituído legalmente, e que vai organizador a volta.
Para a proba deste ano, que vai durar 14 días, xa están apuntados 15 atletas (de entre 23 e 62 anos), entre eles unha muller. Os preparativos estanse ultimando (aínda faltan os patrocinios, que habían axudar a mercar boas cadeiras adaptadas, abondo caras), pero a cousa vai en marcha, e parece que todo vai saír ben. Até pode que se consiga o obxectivo de percorrer 62 quilómetros por día.