A FIFA publica un artigo que fala dos negocios e os patrocinios deportivos do ex futbolista en Galiza. O ruso tamén valora a crise inmobiliaria e os problemas que lle está dando aos seus mecenados.
Na súa oficina
"Oxalá me parecese, pero acho que o único que temos en común é que os dous somos rusos", di Valery Karpin neste artigo publicado na web da FIFA cando o comparan co multimillonario ruso Roman Arkadievich Abramovich, coñecido por ser, entre outras cousas, o dono do Chelsea F.C. (aínda que tamén posúe diversos clubes como o ruso de baloncesto, o CSKA Moscú, e o brasileiro de fútbol, Corinthians).
O artigo comeza falando un chisco da carreira do ex futbolista, que terminou hai "só tres anos", chegando agora a ser "un exitoso home de negocios". "Dedicou 17 anos da súa vida ao balón, e agora é un importante promotor inmobiliario en Galiza (noroeste de España", resume o texto, en apenas un parágrafo, a actualidade de Valery Karpin.
A FIFA tamén valora un chisco a súa carreira deportiva, lembrando os seus éxitos e o momento no que el marcou o primeiro gol de Rusia tras o esbandallamento da URSS, mais o resto do artigo é unha apreciación moi positiva dos vieiros que foi collendo o ex futbolista e do seu lado máis humilde. De feito, saliéntase que o ruso é quen lles abre as portas na súa oficina "no centro do Vigo", estando os seus empregados de vacacións, mentres el non para.
Encarrilada a nova vida "con varios investimentos no sector da construción"
Karpin asegúralle á FIFA que non lle custou moito abandonar a súa carreira como futbolista, porque xa tiña encamiñada unha outra carreira no sector da construción, onde aínda segue, xunto co defensa do Real Madrid, o vigués Míchel Salgado (ex compañeiro no Celta, a quen se uniu, segundo din, "para mercar todo un barrio deprimido da cidade").
Ao parecer, segundo a FIFA, son os seus proxectos algúns dos moitos "que benefician a cidade", mais salientan que non só no terreo inmobiliario; e a seguir enuméranse os patrocinios deportivos do ruso: "un equipo ciclista" (O Karpin Galicia); "o equipo de voleibol de Vigo, o máis antigo de España", "o de rugbi da universidade e ao nadador parolímpico Chano Rodríguez". Para Karpin estes apoios teñen cadanseus motivos particulares, "mais eu só quero axudar, na medida do posíbel, ao deporte e á xente. É unha forma de agradecer a esta cidade todo o que fixo por min".
Mais tamén hai unha parte deste artigo no que o ex futbolista se amosa preocupado "como calquera cidadán" pola crise económica. Aínda que neste sentido el se vexa máis do que afectado, así como os seus investimentos e patrocinios, posto que todos dependen do ladrillo. De feito, Karpin xa tiña amosado, hai algunhas semanas, a posibilidade de ter que deixar de lado algún dos seus apoios ao deporte olívico e galego: "é unha crise xeral", sentencia.