A poucos meses de deixar a Casa Branca, o actual presidente estadounidense, George W. Bush, teima en defender a invasión de Iraq e advírtelle a quen o releve que non é posíbel a curto prazo unha retirada das tropas que os EUA manteñen no país.
Bush pronunciouse así durante unha conferencia que coincidía co quinto aniversario do conflito e que titulou "A guerra global contra o terrorismo". Durante a súa intervención, o presidente dos EUA mesmo chegou a usar os cualificativos de "nobre, necesaria e xusta" para referirse á guerra iniciada hai cinco anos. No discurso, apenas recoñeceu que o esforzo militar foi "máis longo, duro e custoso do que agardábamos" malia non referirse polo miúdo ás cifras: arredor de 600 mil millóns de dólares, 4 mil militares estadounidenses falecidos e milleiros de civís iraquís mortos.
Protestas nas rúas e petición da fin da invasión No vídeo a pé destas liñas poden ver imaxes dunha das moitas protestas realizadas estes días en diversos lugares dos Estados Unidos, en concreto e neste caso, unha convocada na capital, Washington. Trátase de mobilizacións contra a invasión de Iraq e en favor da retirada das tropas que concentraron milleiros de persoas en varias cidades. Aló puideron verse lemas do tipo "Fóra de Iraq", "Nós escollemos a paz" ou "Non sangue por petróleo".
Non son alleos a ese estado de opinión os candidatos a substituír a Bush na presidencia dos EUA. Así, do lado do Partido Demócrata, Hillary Clinton e Barack Obama converteron esta cuestión nun dos eixos dos seus programas. Ambos os dous prometen unha rápida retirada militar da maior parte dos soldados que os EUA manteñen agora mesmo en Iraq.