Despois de que Feijoo anunciase que os "cambios" no PP ourensán comezarán no contorno máis local.
Despois do pequeno momento autocrítico á volta da xornada electoral do 9 de marzo, onde a nivel estatal o PP rexistrou a maior caída en porcentaxe de voto na provincia de Ourense, Xosé Luís Baltar volve sacar peito. E faino ás portas dunha cita importante a nivel interno. Á volta das vacacións da Semana Santa, os populares ourensáns, terán xuntanza da directiva provincial, o 28 de marzo.
Aló debera tomar forma a indefinida recomendación realizada en público polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen anunciou a necesidade de realizar "axustes" a nivel provincial. Uns cambios que no caso de Ourense e segundo a estratexia da dirección do PP galego, comezarían polos espazos máis locais, indo de abaixo cara a arriba.
Pero fronte a esa previsíbel acometida da dirección sobre o PP ourensán, o baltarismo xa se pon en garda. Este martes, o presidente provincial, Xosé Luís Baltar, subliñaba que non porá "atrancos" se o PPdeG opta pola súa propia renovación. Pero nese suposto, advertiu Baltar de que de momento conta "co 90% dos apoios" para seguir á fronte.
Baltar dixo agardar que nesa reunión o venres 28 se poñan as cartas sobre a mesa e especialmente, o propio líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, "diga abertamente o que el cre que se debe facer", e sexa explícito sobre o que os populares ourensáns deben "mellorar" e "ao que hai que poñerlle remedio coa maior rapidez posíbel".