Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os consumidores reclaman

Telefonía, electrodomésticos e viaxes seguen a acumular as queixas dos clientes

Hai poucos días celebrouse a xornadamundial dedicada aos compradores de bens e servizos en todo o mundo. O día antes presentábase un anteproxecto de Lei do Consumidor para Galiza.

Redacción / EP - 11:00 20/03/2008
Os consumidores cada vez denuncian máis / Flickr: calafellvalo

Os consumidores cada vez denuncian máis / Flickr: calafellvalo

O primeiro día do consumidor celebrouse o 15 de marzo de 1983, xusto vinte anos despois de que o presidente norteamericano Kennedy establecese as bases do que ía ser, con posterioridade, os denominados dereitos dos consumidores. A partir daquela, cada 15 de marzo as organizacións de consumidores de todo o mundo celebran este día, lembrando, en cada país, cales son as empresas produtoras que máis queixas xeran durante o ano.

No Estado Español, por exemplo, seguen a ser as empresas de telecomunicacións as que gañan no número de queixas dos consumidores.

Máis información, máis reclamacións
As estadísticas sobre reclamacións de 2007, publicadas pola Asociación Xeral de Consumidores (ASGECO) con motivo deste día, reflicten a insatisfaccións dos clientes respecto dos servizos de telecomunicacións, sobre todo en canto a telefonía móbil. As queixas sobre estes servizos foron o 21,7 por cento do total.

O segundo posto na listaxe de reclamacións ocúpao a vivenda (13,5 por cento), seguida do transporte (11%), os servizos bancarios (que baixan dúas décimas, 8,1%) e das reparacións no fogar (que baixan unha décima, situándose no 4,6%).

En total, a ASGECO salienta que as consultas recibidas o ano pasado aumentaron un 2,5 por cento respecto do ano anterior, e de todas elas un 19,6 por cento acabaron como reclamacións formais. Estas cifras indican, segundo a organización, que os consumidores están máis informados e sensibilizados sobre os seus dereitos.

Presentado o anteproxecto da Lei de Consumo de Galiza

A pasada sexta feira o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou o anteproxecto da Lei de Consumo de Galiza, unha norma rexida por catro principios básicos: a protección integral de todos os dereitos subxectivos das persoas consumidoras; a defensa da súa saúde, seguridade e intereses; a promoción dos dereitos á información, á educación e á participación por parte dos consumidores; e a mellora da eficacia na protección dos dereitos dos consumidores e usuarios.

A actual lei é de 1984, e vai ser mellorado, segundo Blanco, con esta nova norma, que se ha achegar máis a realidade do consumidor galego.

O que máis deu que falar deste anteproxecto foron o apartado relacionado cos Dereitos Lingüísticos, que recolle que ningún consumidor será discriminado por empregar o galego nas súas relacións comerciais, e que poderán esixir que os contratos estean redactados en galego.


Actividade do Instituto Galego de Consumo
O Instituto Galego de Consumo (IGC), dependente da Consellería de Innovación e Industria, incrementou en 2007 a súa actividade inspectora nun 44% e as reclamacións recibidas nun 2%, segundo os datos recollidos na memoria de actividades do IGC correspondente a ese ano.

Así, as inspeccións realizadas polo Instituto pasaron das 42.860 en 2006 ás 61.521 de 2007, mentres que o número de reclamacións recibidas subiu das 15.730 de 2006 ás 16.118 de 2007. A maior parte das reclamacións afectaron ao sector da telefonía (con 3.979 reclamacións), seguido dos electrodomésticos (1.806 reclamacións), o transporte aéreo (1.183 reclamacións) e os automóbiles (1.071 reclamacións). Por provincias, o maior número de reclamacións rexistrouse na Coruña (con 7.380), seguida de Pontevedra (con 6.134), Lugo (con 1.574) e Ourense (con 1.030).

Pola contra, as consultas recibidas rexistraron un descenso do 4% (25.851 fronte ás 26.966 de 2006) e foron canalizadas maioritariamente a través do teléfono 900 23 11 23 habilitado polo IGC (nun total de 17.082, fronte ás 8.769 presentadas ante os servizos provinciais de Consumo). Por sectores, os da telefonía (con 6.749 consultas), electrodomésticos (con 2.567), vivenda (1.905), automóbiles (1.568), e transporte aéreo (1.074) son os que centran a maior parte das consultas.


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pintada contra o consumismo / Flickr: daquellamanera
Pintada contra o consumismo / Flickr: daquellamanera
Os servizos de telefonía móbil son os que máis queixas acumulan / Unha igrexa chea de antenas no Flickr de inti
Os servizos de telefonía móbil son os que máis queixas acumulan / Unha igrexa chea de antenas no Flickr de inti