A mostra recolle 36 imaxes realizadas por fotógrafas non profesionais de Ribadeo, Vilar de Santos e A Illa sobre a súa realidade cotiá.
Olladas de muller E lapis de home é máis ca unha exposición. O proxecto ten como obxectivo analizar e poñer en valor a forma de vida das mulleres de Ribadeo, Vilar de Santos e A Illa de Arousa, cuxos departamentos de muller organizan o evento. Para iso comezouse nunha primeira fase (na primavera de 2007) impartindo cursos de fotografía nestas localidades. No verán seleccionáronse as fotografías realizadas por cada alumna e organizáronse tres exposicións a nivel local, unha en cada concello participante.
Agora, a mostra chega ao Verbum de Vigo, onde se poderán ver os mellores traballos de cada lugar, un total de 36, organizados na exposición Olladas de muller E lapis de home. A segunda parte do título explícase porque as fotografías, impresas sobre sabas que penduran de fíos, como a roupa a asoallar, están acomapañadas de breves comentarios, realizados por homes de diferentes ámbitos da vida pública: escritores, deportistas, produtores, músicos, actores, mariñeiros, políticos...
A exposición inaugurouse o día 15 de marzo e permanecerá no Verbum até o día 23. A partir dese momento, a mostra xirará por distintos lugar de Galiza, coa fin de achegar estes traballos á poboación e procurar a súa sensibilización perante a situación das mulleres. Así mesmo, editarase un libro do proxecto que quere ir alén dos catálogos de fotografía ao uso. O libro pretende amosar fragmentos de vidas de mulleres, comentados por homes que, dun xeito ou doutro, forman parte da mesma, pero á vez, distinta realidade.