Unha compañía india vai lanzar ao mercado o teléfono máis barato do mundo, caracterizado pola súa sinxeleza e robustez.
Contrapunto aos móbiles de última xeración
Sen cámara de fotos, radio nin mp3, o novo teléfono móbil ideado pola empresa india Spice Ltd ten tan só o necesario para falar. O móbil máis barato do mundo custará 12 euros e non terá máis utilidade que os tradicionais teléfonos de mesa. Segundo os directivos da compañía, o aparato está pensado para o mercado dos países en vías de desenvolvemento, aínda que xa hai cidades europeas que o demandan.
A sinxeleza e a robustez son as características fundamentais deste teléfono. Botóns grandes e deseño simple que pode incluso atraer a un público que xa está farto de aparatos caros cheos de aplicacións que non se utilizan a miúdo. Aínda así, o público obxectivo sitúase sobre todo no mercado hindú, no que se rexistra un dos maiores crecementos do mercado da telefonía móbil a nivel mundial, e onde se estima que en 2010 haberá preto de 500 millóns de usuarios desta tecnoloxía.
Segundo expertos do sector tecnolóxico citados no New York Times, outras empresas de comunicación xa están a preparar modelos de baixo custe para os novos mercados e para todos aqueles que buscan a sinxeleza e o bo prezo.