Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NEGOCIACIÓNS PARA A INVESTIDURA

O BNG fará agardar a Zapatero até despois da Semana Santa

Os nacionalistas poderían facer depender o seu apoio da reforma do voto emigrante.

Redacción - 09:30 14/03/2008

Dende o día despois das eleccións BNG e PSOE están mantendo contactos para que os nacionalistas apoien a investidura de Zapatero como presidente. Porén, os dirixentes do BNG (seguramente o propio Quintana, aínda que non foi confirmado) non manterán unha xuntanza oficial con Zapatero até despois de Semana Santa. O PSOE necesita sete votos para asegurarse a investidura na primeira votación e a maioría absoluta, e nestes momentos o BNG é, xunto co PNV, o seu apoio máis probábel.

O Bloque aínda non confirmou este apoio, aínda que fontes nacionalistas recoñecen que é moi difícil que se posicionen en contra. De igual xeito, podería ofrecerlle ao PSOE un pacto estábel de lexislatura, ou limitarse a brindarlle apoios puntuais, ao igual que nos últimos catro anos. En calquera caso, nas negociacións o BNG poñerá enriba da mesa o decálogo programático presentado na campaña electoral, como xa recordou Quintana o mesmo domingo pola noite. Así mesmo, o Bloque podería facer depender o seu voto da reforma do voto emigrante, así como da "defensa dos sectores produtivos" do país.

Touriño cre que é "bo" que os nacionalistas participen na gobernación do Estado

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reiterou hoxe que debe ser o candidato socialista á Presidencia do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, o que decida con quen establece pactos para gobernar, aínda que "por se serve de pista", o dirixente galego considerou que "non é malo que os partidos nacionalistas, democráticos e moderados, participen dunha ou outra forma na gobernación do Estado".

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Touriño recoñeceu que intercambiou impresións con Zapatero e avanzou que este xa coñece a súa opinión "sobre o bo que é fortalecer a convivencia en España", unha cuestión "que pode tomar múltiples formas". "É bo que os nacionalismos non excluíntes implíquense e participen", subliñou Touriño.

Así mesmo, o secretario xeral dos socialistas galegos subliñou que a súa formación é a única "que de verdade ten incremento de votos en Galicia", aínda que rexeitou que vaia usar esta subida para presionar a Zapatero para que inclúa ministros galegos no seu gabinete. "Non estou polo sistema de cotas territoriais", resolveu.


4,67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: