Van presentar unha iniciativa no Congreso español para que se galeguicen os topónimos do ámbito marítimo.
O Parlamento Galego aprobou esta terza feira, por unanimidade, unha proposición non de lei (que se vai dirixir ao Congreso dos Deputados español) para pedir que se corrixan os topónimos galegos que aparecen castelanizados nos documentos oficiais da Dirección Xeral de Capitanía Marítima, dependente de Fomento.
Para que as matrículas non poñan 'Vill' no canto de 'Vil'
A iniciativa, impulsada polo BNG, propón modificar a lei estatal de portos do Estado na que, segundo dixo o deputado nacionalista, Bieito Lobeira, aínda se recollen nomes incorrectos ou ilegais coma Vivero, Mujía ou Panjón. Así mesmo, tamén se referiu á matrícula marítima de Vilagarcía de Arousa, Vill, abreviatura do nome castelanizado de Villagarcía.
Lobeira tamén lembrou que hai dous anos a Cámara galega aprobou unha proposición non de lei, tamén por unanimidade, que instaba xa naquela altura, a rectificar estes erros. Daquela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixírase a Fomento, mais non obtivera resposta cando, por exemplo, e como lembrou o deputado do BNG, si se están a respectar topónimos vascos e cataláns.