O mes que vén (o día 19 de abril) a cidade vai acoller o circuíto que marca o comezo da tempada europea. É a primeira vez na historia que Galiza organiza un evento deportiva coma este.
O vindeiro 19 de abril a cidade de Pontevedra daralle a benvida a algúns dos mellores triatletas de Europa e do Mundo (entre eles, Gómez Noya).
Será a primeira proba da Copa de Europa Premium, a primeira do circuíto europeo e a primeira da historia internacional deste deporte que se desenvolve en Galiza.
Gómez Noya, fillo predilecto
Ademais do gran número de triatletas, a Pontevedra hanse achegar moitos afeccionados a este deporte de todo o continente, porque poden ver competir a estrelas como Xabier Gómez Noya, quen ademais vive grande parte do ano na cidade do Lérez.
De feito, a parte final da carreira ha descorrer na pista do centro de alto rendemento no que adestra Xabier.
Páxina web oficial da proba
O Comité Organizador da proba aínda acaba de amosar o logo da mesma e abriu a súa web oficial, onde están dispoñíbeis os mapas do percorrido, a programación, información sobre os aloxamentos, detalles da inscrición na proba e información sobre o turismo local, para quen queira aproveitar e dar unha voltiña polas rías baixas. En breve han poñer tamén a guía do atleta.
Ademais, a través da web da Federación Española de Triatlón e esta mesma páxina hanse facilitar os tempos en directo, noticias e fotos do día da carreira.
A proba pontevedresa recibiu o apoio da cidade, da Xunta, e da Federación Galega e a Federación Española de Triatlón. Todas estas entidades traballaron xuntas para traer unha proba internacional á cidade, que ademais ha repartir 25 mil euros en premios. Para moitos triatletas vai significar tamén unha boa ocasión para preparar o prestixioso Campionato de Europa de Triatlón ETU que se ha desenvolver en Lisboa.