Os líderes das tres principais formacións do país -PPdeG, PSdeG e BNG- acudiron este domingo a votar nos seus respectivos colexios electorais.
Os líderes das tres principais formacións do país -PPdeG, PSdeG e BNG- acudiron este domingo a votar nos seus respectivos colexios electorais.
Núñez Feijoo "Vaise decidir que goberno terá España e que repercusión lle dará a Galiza"
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, -que votou contra as 11.10 horas no Colexio García Barbón de Vigo- incidiu en que a xornada electoral "vai decidir que goberno terá España os próximos catro anos" e "que repercusión lle dará a Galiza".
Feijoo desexou unha xornada "sen incidencias" e que "ao final do día poidamos celebrar unha nova festa da democracia e da liberdade", proclamou. Ademais, pediu que a participación da cidadanía "sexa rápida".
O presidente dos populares acudirá esta tarde á capital para seguir o resultado das lexislativas dende a sede do partido xunto con varios dos seus compañeiros.
Pérez Touriño: "Que ningún voto fique na casa"
O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, acudiu ás urnas ás 11.00 horas entre desexos de que "ningún voto fique na casa" e de que todo transcorra con "normalidade". Así, pediulle a "cada galego" que "acuda a votar", porque os votos "son os que sosteñen a liberdade e a democracia".
Ademais, recordou o asasinato "vil e covarde" do ex concelleiro socialista de Mondragón Isaías Carrasco, e anhelou que "Galiza e España dean hoxe unha resposta masiva e contundente apoiando a liberdade e a democracia, votando".
Touriño vai seguir esta noite o reconto electoral, xunto con varios dos seus compañeiros de partido, dende a sede do PSdeG, situada na Rúa do Pino da capital.
Quintana: "Que os cidadáns elixan o mellor para eles e para Galiza"
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fixo un chamamento a todos os cidadáns para que acudan a votar durante a xornada de hoxe, elixindo nas urnas "o mellor para eles e o mellor para Galiza".
Quintana, que votou contra as 11.00 horas en Allariz, afirmou que os galegos deben "ter presente" que "o que hoxe escollen son os deputados e senadores que van representar Galiza os vindeiros catro anos en Madrid". "Creo que é unha oportunidade que non podemos perder para afianzar a democracia", dixo. "Agora son os cidadáns os que teñen que falar", engadiu.
Respecto ao asasinato de Isaías Carrasco, Quintana sinalou que, aínda que "non é o momento para facer valoracións políticas e moito menos partidistas", agarda "que ETA en ningún caso cambie a vontade" do pobo á hora de votar.