O presidente da Federación Internacional de Fútbol, Joseph Blatter, instou aos árbitros a ser moi duros cos futbolistas que realicen entradas perigosas.
O presidente de la FIFA, Joseph Blatter falou sobre as "entradas perigosas" e amosouse a favor de sancionar "de por vida" aos futbolistas que as realicen. Mesmo falou de acusacións criminais en en casos moi graves, todo isto nunha entrevista que concedeu ao xornal inglés The Times.
Blatter considerou tamén que a dureza que se está a ver nos últimos tempos nos terreos de xogo é consecuencia da "presión do adestrador para gañar". O que fai que el "anime aos xogadores para conseguir a vitoria a toda costa".
Árbitros, a consigna é "tolerancia cero"
O presidente da FIFA tamén quixo lembrar que por todo isto, na vindeira xuntanza da Internacional Board, a consigna para os colexiados vai ser "tolerancia cero".
Alén de lles facer recomendacións aos árbitros, Joseph Blatter dixo que tamén han de os instruír para que "sexan máis duros contra a violencia".
Confiando na norma '6+5'
O presidente da FIFA tamén falou da súa idea de sacar adiante a súa aposta da norma ‘6+5', que se refire a que cada equipo debera xogar, polo menos, con 6 futbolistas formados na canteira nacional, algo que non cree que sexa só "unha cuestión de identidade, senón de protexer o espírito do xogo".
E logo... púxose a falar de homosexualidade no fútbol
Cara o final da entrevista, Blatter tamén se refire á homosexualidade no fútbol, ao considerar que "hai futbolistas gais, pero non o declaran porque cren que non habían ser aceptados nestas organizacións de homes".
Bastante menos acertado que no resto da máis que polémica entrevista, Blatter termina falando da homosexualidade, pero desta volta no fútbol feminino, onde el considera que "a homosexualidade é máis popular".