O adestrador do CB Galicia EBA dirixirá ao combinado galego. Tamén se han enfrontar Galiza e España de veteranos.
A Selección "Galicia Xove" participará, por segunda vez desde que debutou, na Vilagarcía Basket Cup, que se desenvolverá entre o 19 e o 22 de marzo na capital arousá. O combinado galego soubo esta quinta feira o nome do seu novo seleccionador: é Roberto Rivera Bouza, actual adestrador do CB Galicia en EBA.
Rivera Bouza posuía unha ampla traxectoria como adestrador, comezada no Sendo Minibasket Masculino na tempada 88/89. Tamén adestrou en Preinfantil Masculino ao C.B. San Rosendo Ferrol e ao S. Rosendo Butano Callao en Xuvenil Masculino. Na tempada 90/91 dirixiu en Júnior Masculino ao A.D.C.R Santa Marina e, na tempada 91/92, encargouse do San Rosendo "A" en categoría Junior Masculina. Posteriormente, na tempada 92/93 fíxose cargo do Video Platas de Cadete Masculina e na tempada seguinte adestrou ao Copasán Rosendo de Infantil Masculina.
Dende a 01 /02 está vinculado ao Club Baloncesto Galicia no que adestrou a diferentes categorías e con diferentes equipos. Actualmente dirixe ao CB Galicia da liga EBA.
A Selección "Galicia Xove" na Vilagarcía Basket Cup
A Vilagarcía Basket Cup agarda uns 100 equipos de toda Galiza, Portugal, parte do Estado Español e doutros países europeos, que xogarán nas 3 pistas montadas pola Dirección Xeral para o Deporte.
No segundo partido da súa historia, a Selección "Galicia Xove", convocada pola Federación Galega de Baloncesto, xogará no grupo B, xunto aos conxuntos rusos Zalgiris Kaunas, Khimky e o Mega Aqua Monta serbio.
No outro grupo, o A, xogarán o Real Madrid, o Axa Barcelona, o Unicaja Málaga e o Cai Zaragoza. Ámbolos dous grupos xogan segundo a normativa que da Federación Española de Baloncesto para o circuíto sub-20.
Este ano o campionato retorna ao formato de catro días de duración comezando o mércores 19 e rematando o sábado 22 de marzo. Ademais, ao ser o 19 de marzo festivo en Galiza, a organización oferta máis opcións e novidades as miles de persoas que asistan ao torneo.
Galiza contra España... de veteranos
O día de inauguración da Vilagarcía Basket Cup enfrontaranse as seleccións galega e española de veteranos. Son os grandes xogadores do baloncesto estatal dos 80 e dos 90 os que han facer deste encontro o comezo dunha festa que terminará o día 22 de marzo.