Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

O BNG en Santiago: Quintana chama a votar "como galegos" para "decidir no Estado"

"Cun BNG forte en Madrid, Galiza será respectada", afirmou o voceiro nacional do BNG na apertura da campaña electoral.

Redacción / Europa Press - 09:00 22/02/2008
Tags:

"Pedimos o voto para ter un BNG forte en Madrid porque así Galiza será respectada", insistiu Anxo Quintana na súa intervención na noite do xoves no acto de apertura de campaña do Bloque en Compostela. O voceiro nacional do BNG fixo un chamamento aos electores para que voten "como galegos" co dobre obxectivo de "frear ao PP" e de que Galiza deixe de ser "actor secundario" e "decida" no Estado español.

Para o tamén vicepresidente da Xunta, isto "só" será posíbel se o BNG é "decisivo" nas Cortes e Galiza consegue estar representada en pé de igualdade con Euskadi e Cataluña". Nese sentido, augurou que o "grande cambio" que se producirá o 9-M "non ten nada que ver coas carreiras presidencialistas de Zapatero e Rajoy" senón que "virá dado da man do BNG porque poderá decidir en Madrid".

Quintana insistiu en que o programa do BNG é a mellor opción ante as propostas do "señor Catástrofe e do señor Medo, en alusión respectiva a Mariano Rajoy e José Luís Rodríguez Zapatero. Sobre o líder popular ironizou co feito de que este anunciase "até doce veces que rompía España e outras doce que rompía a familia". "E sobre a catástrofe económica xa perdín a conta", comentou. Cara ao final do seu discurso e ao respecto da situación económica, Anxo Quintana advertiu de que "cada vez que hai crise económica, quen paga a peor parte é Galiza" e reclamou que non prometan para o noso país "tratos de favor", senón que "se lle deixe a Galiza impulsar os seus sectores produtivos sen inxerencias foráneas".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: