Xuventude organiza a I Liga de Debate entre estudantes deste ciclo para fomentar "a confrontación de ideas en público" e "aprender valores como a tolerancia".
Un xurado valorará a capacidade de argumentación dos participantes
A Dirección Xeral de Xuventude organiza a I Liga de Debate entre estudantes de Bacharelato co obxectivo de fomentar "a confrontación de ideas en público", segundo anunciou esta quinta feira o seu responsábel, Rubén Cela.
O director xeral afirmou que se trata dunha competición "sen precedentes no país", posto que se vai efectuar como se dunha liga deportiva se tratase entre máis dun cento de estudantes. Esta desenvolverase na capital galega os días 18, 19 e 20 de abril.
Ademais, Cela salientou que estes enfrontamentos dialécticos constitúen unha actividade "clave" para a formación "integral" dos estudantes, xa que van poder "facerse escoitar, demostrar o seu potencial e mellorar a súa expresión oral", así como aprender "valores coma o respecto e a tolerancia", "útiles" para a súa vida "académica, profesional e persoal".
Regras da Liga
Nesta primeira Liga van participar un total de 24 equipos. Os institutos poden inscribir un máximo de dous equipos, mais terán que presentar un só no caso de que as inscricións excedan o número de prazas ofertadas.
Pola súa banda, cada equipo estará composto por cinco persoas. Dous actuarán como oradores, dous como investigadores e o quinto, o capitán, será un profesor ou un membro do persoal administrativo do instituto. Os equipos deben ser mixtos.
O tema do debate será de actualidade, exposto na lingua do país. A postura a defender por cada un dos equipos, a favor ou en contra, será sorteada un minuto antes de que dea comezo.
Premios
O equipo que resulte campión gozará dunha fin de semana no parque de atraccións Warner Bros, en Madrid, xunto con outros corenta alumnos do seu mesmo centro, ademais dunha computadora portátil para cada integrante. Os finalistas obterán cadansúa videoconsola.
Tamén haberá un regalo para o mellor orador, que consistirá nun cámara fotográfica dixital de 8 megapixeles; e para o segundo mellor orador, que recibirá un reprodutor MP4 de 4 GB.