O Parque Nacional da Peneda-Gerês (PNPG), no norte de Portugal, é a nova aposta portuguesa para ser monumento natural. Tamén están a Ría de Aveiro, o Vale do Douro e as Ilhas Selvagens.
Segundo revelou esta semana a Câmara de Terras de Bouro, que promoveu a súa candidatura, o Parque Nacional da Peneda-Gerês (PNPG), aspira a ser unha das Sete Marabillas da Natureza do Mundo.
A pesar de considerar "importante a candidatura ter sido aceite", a Câmara de Terras de Bouro quere ir alén desa iniciativa, e ten pensado crear un comité que tentará envolver a personalidades e a institucións para que animen á poboación a votar polo parque.
Nesta altura, a poucos días de ser aceptada a súa candidatura, o PNPG está no posto 240 entre as 282 candidaturas que se poden escoller. Poderase votar até o 31 de decembro, data na que se darán a coñecer os 21 finalistas, que ficarán máis preto de ser unha das sete Marabillas do Mundo.
O único parque nacional portugués
Creado en 1971, o PNPG é o único parque nacional portugués, e integra unhas 114 aldeas, onde moran preto de 10 mil persoas, que se dedican, na súa maior parte, á agricultura e ao pastoreo. Ocupa preto das 80 mil hectáreas e esténdese polos concellos de Arcos de Valdevez, Montalegre, Ponte da Barca, Terras de Bouro e Melgaço.
Até o de agora, o mellor candidato portugués a ser unha das marabillas é o Vale do Douro, onde nace o viño do Porto, que está no posto 124. A seguir está a candidatura do arquipélago das Ilhas Selvagens, situado a cerca de 230 quilómetros da Madeira (posto 130), e a Ria de Aveiro (200).
Na lista completa de candidatos hai 282 lugares naturais de todo o mundo. Destes 61 están en Asia, 57 en Europa e 55 en América do Sur. O resto está en África (48), en América do Norte (45) e en Oceanía (16).