O Teatro Principal acolle a primeira representación da nova obra do Centro Dramático Galego, este venres 15 ás oito e media da tarde.
Valdemuller é unha montaxe de monicreques dirixida polo arxentino Pablo Vergne a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. É a primeira vez en once anos que Ourense acolle unha estrea absoluta do Centro Dramático Galego. Tamén había catorce anos que o CDG non realizaba un espectáculo de monicreques, despois da produción de O Mariscal, dirixida por Marcelino de Santiago "Kukas" en 1994.
O arxentino Pablo Vergne é un recoñecido mestre das montaxes de monicreques, que uniu a súa calidade e talento estético á tradición galega neste eido. Vergne caracterízase por un estilo singular que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, na procura de novas linguaxes escénicas e da complicidade co público.
A historia de Valdemuller dá comezo cando a familia de Mina, que cumpre quince anos, prepara unha festa de aniversario con posta de longo incluída, que non é do gusto da rapaza. A sorte fai que algúns dos tópicos da festa sufran certos cambios involuntarios, como o acontecido co elegante traxe que lle tiñan preparado. Un agasallo misterioso desencadea unha investigación.
55 funcións en todo o país
Tras as cinco funcións de Ourense, o CDG iniciará unha xira con este espectáculo que se prolongará até maio e durante a cal será escenificado para o público xeral en Narón (Auditorio Municipal, 22 e 23 de febreiro), Tui (Teatro Área Panorámica, 29 de febreiro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 5 de marzo), Compostela (Salón Teatro, do 26 de marzo ao 20 de abril), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 17 e 18 de maio) e Ferrol (Teatro Jofre, 25 de maio). Están programadas, ademais, outras 27 representacións máis para institutos en Narón, Tui, Pontevedra, Carballo, O Barco, Vilagarcía, Ribadeo e Ferrol.