Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

O BNG pon tamén como condición para acordo poselectoral que Navantia "poida volver construír buques civís"

Os nacionalistas tamén lle esixen ao PSdeG que respecte "o seu vicepresidente" e que expliquen por que "eluden" debates televisivos.

Redacción - 09:00 12/02/2008
Tags:

O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou hoxe que o apoio da súa formación ao próximo goberno español "pasa por que apoie o sector naval galego e retire todos os condicionantes actuais que impiden a súa expansión", tras o cal pediu que se poidan aproveitar os activos ociosos do estaleiro militar Navantia Fene para outras iniciativas dentro do propio sector.

Nunha visita ao estaleiro vigués de Freire, onde estivo acompañado da candidata número un do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, e polos membros da candidatura ao Senado Henrique Viéitez e Iria Aboi, Quintana asegurou que o naval "necesita unha acción de xustiza por parte do goberno español".

Apoio "condicionado"
Por iso, insistiu en que o seu apoio ao próximo executivo estatal estará condicionado a que este mostre a súa disposición a "mover todo obstáculo que existe para a expansión do sector naval en Galiza" e reclamou que "o estaleiro público de Fene poida volver, dunha vez por todas, a construír buques civís".

"Hai que rematar coa idea do naval asociado ás reconversións", dixo Quintana, ao tempo que recalcou que "o Estado debe saldar a débeda contraída co sector naval para ser un país competitivo". "Piden que sexamos competitivos, pero non nos deixan producir", denunciou, ao tempo que pediu que "deixen traballar e crecer" porque se trata dun sector que conta con persoal cualificado.

Segue o tirapuxa polo debate
Por outra parte, o BNG esixiulle este luns ao secretario de Organización do PSdeG e conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que respecte "o seu compañeiro e vicepresidente" no Executivo, Anxo Quintana, e reclamoulle que explique por que os socialistas "eluden" os debates televisivos.

En declaracións aos medios tras a Executiva Nacional, o seu coordinador, Francisco Jorquera, expresou o seu malestar polas críticas feitas por Varela, quen acusara o líder do Bloque de "usurpación" do espazo de discusión dos candidatos das eleccións xerais e ironizou co seu "furor presencial". "O máis lóxico sería que fose Touriño que explicase por que non quere ir", reprochou o tamén candidato nacionalista ao Congreso pola Coruña.

Así, mostrou a súa "estupefacción" porque sexa Quintana que teña que dar conta da súa postura, cando se ofrece a debater as veces que o convoquen. Neste senso, argumentou que estes encontros televisivos responden a unha "demanda da sociedade", que, ao seu xuízo, quere que os líderes políticos "contrasten pareceres".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: