Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

Desemprego, xestión de eurofondos e máis promesas para Ferrol

O PSdeG defende que hai 100 mil empregos máis. O BNG pide a xestión íntegra desde Galiza dos fondos europeos. O PPdeG di que aprobará "outro Plan Ferrol".

Redacción - 09:00 06/02/2008

Galiza ten "tres puntos menos de paro e 100 mil ocupados máis que en 2004, cando o presidente dos populares galegos era vicepresidente primeiro da Xunta", recordou este martes o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, durante unha visita a Burela.

Rego respondía asía ás afirmacións realizadas polo PSdeG ao respecto da evolución da economía e a taxa actual de desemprego no país. Laiouse o socialista de que "as únicas achegas" do líder dos populares, Alberto Núñez Feijoo, dende que está á fronte do seu partido "foron os anuncios de catástrofes" que, segundo Ismael Rego "felizmente nunca se produciron". "Galiza leva tres anos crecendo máis que España e converxendo economicamente co resto de países da Unión Europea", subliñou Rego.

Feijoo promete en Ferrolterrra "prazos e orzamentos concretos"
O PPdeG xuntou este martes a alcaldes e voceiros do PPdeG na bisbarra ferrolá e acordou fixar dez compromisos clave para a comarca que levaría á axenda do PP no caso de que consiga o goberno despois do 9 de marzo. A galería de promesas inclúe entre outros a aceleración da ampliación do porto exterior de Caneliñas, coa chegada do tren e a ampliación de autovía e estrada, ademais da creación de solo industrial e de vivenda pública e a conexión de Ferrol coa alta velocidade ferroviaria.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que eses compromisos se incorporarían á axenda dun consello de ministros a celebrar en Galiza e onde se botaría adiante "un Plan Ferrol con prazos, infraestruturas e presupostos concretos". Na súa opinión, isto remataría con "catro anos de incumprimentos e desprezos" con Ferrolterra, área onde agoirou que a desaceleración económica zoupará con máis gravidade.

O BNG quere eurofondos xestionados "directamente"
A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, Paz Abraira, relacionou este martes o "escaso rendemento" que na súa opinión até o de agora lle sacou Galiza aos fondos europeos co afastamento do país respecto da súa xestión. Segundo Abraira, se Galiza puidese xestionar "directamente dende a Xunta" todos os recursos da Unión Europea destinados ao país, gañaríase en "rendemento e eficacia".

Nese sentido, opinou a candidata nacionalista que Galiza debera xestionar os fondos de cohesión e de desenvolvemento rural o máis estreitamente posíbel "para que se poidan cumprir de forma efectiva as funcións de redistribución territorial e de cohesión". Entre outros, referiuse á petición que fará o Bloque para que o Fondo Tecnolóxico para o período 2007-2013 sexa integramente xestionado polas comunidades autónomas e tamén para que os de cohesión vaian destinados ás áreas con menor nivel de renda per cápita do Estado, "para o que será necesario introducir modificacións na actual repartición" e que sexan tamén neste caso as autonomías as que asuman a maior parte da súa xestión.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: