Haberá aumento do número de inspectores e da actividade destes, especialmente no sector da construción e do mar.
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, quixo destacar este mércores a diminución no número de accidentes graves e de sinistros mortais no contorno laboral, pero recoñeceu que así e todo, as cifras globais amosan un incremento de accidentes en 2007, polo que definiu de "agridoce" o balance anual.
Por este motivo, e en conferencia de prensa á beira do director xeral de Inspección de Traballo, Raimundo Aragón, avanzou que a Xunta pretende aumentar a actividade dos inspectores até nun 32%, chegando a 42.296 ordes de servizo ao cabo do ano. Nesa liña vai o incremento de efectivos, ao pasar dos 95 inspectores e subinspectores ao inicio da lexislatura aos 108 actuais.
O Goberno recoñece así que é necesario un "esforzo suplementario" no sector da construción e do mar e tamén se referiu á "vixilancia" do "cumprimento efectivo" de igualdade de oferta e condicións de traballo entre homes e mulleres. Ao respecto do sector pesqueiro, a Xunta admite a necesidade dunha "atención especial" no que lle toca á seguridade laboral, e máis despois dos últimos accidentes marítimos rexistrados, exemplo do cal é o naufraxio do "Cordeiro", que está sendo agora investigado.