A descuberta sucedeu de forma accidental ao tratar os neurólogos o hipotálamo dun paciente para reducirlle o apetito.
Situación do hipotálamo no cerebro
Científicos canadenses descubriron un mecanismo que podería axudar no tratamento dalgunhas enfermidades relacionadas coa memoria, segundo queda recollido na revista Annals of Neurology. A descuberta ocorreu accidentalmente, cando os expertos estaban a realizar unha exploración cirúrxica no cerebro dun home de 50 anos para intentar reducirlle o apetito e neutralizar a súa crecente obesidade.
En lugar de perder o apetito, o home recordou con exactitude detalles de feitos ocorridos cando tiña 20 anos e as probas posteriores demostraron que aumentara ademais a súa capacidade de aprendizaxe. Cando os médicos estaban a traballar no seu hipotálamo, vinculado coa sensación de fame, o paciente informou de que lle estaban a agolpárselle os recordos na memoria e a medida que se incrementaban os estímulos se ían volvendo máis claros.
A técnica que estaban a utilizar, consiste en inserir electrodos que estimulan certos sectores mediante pequenas cargas eléctricas. A estimulación cerebral aplícase dende hai máis de dez anos para tratar diversos trastornos, como a depresión, o Párkinson e outros males asociados ao movemento físico involuntario.
Sorpresa para os médicos
Os neurólogos continuaron coas probas durante tres semanas máis, tras o que concluíron que a estimulación do hipotálamo aumentou de forma considerábel a súa capacidade de aprendizaxe. Para os científicos foi unha sorpresa obter estes resultados xa que esta parte do cerebro non está vinculada directamente co proceso da memoria.
Actualmente, a técnica xa se está a aplicar a pacientes do mal de Alzheimer no Toronto Western, de Ontario.