Será a número tres do equipo estatal en Nápoles, onde se enfrontarán contra a selección italiana. A galega está no posto 89 da listaxe de mellores xogadoras do mundo.
Lourdes Domínguez
Esta semana ocupa o posto 89 entre as mellores tenistas do mundo, e pasa a facer parte da selección estatal, convocada polo adestrador Miguel Margets para xogar en cuartos de final na Copa Federación, contra Italia.
Será o cuarto partido que enfrontará ás italianas contra o combinado estatal (gañaron tres veces as primeiras), que está formado por Anabel Medina (30 na listaxe de mellores tenistas), Virginia Ruano (78), Lourdes Domínguez e Nuria Llagostera (142).
Xogarán a vindeira fin de semana no Palavesuvio de Nápoles, e quen gañe terá que se enfrontar contra China ou Francia.
Domínguez foi a primeira tenista galega que gañou un torneo da WTA e que se clasificou, primeiro entre as 100 mellores xogadoras de tenis do mundo, e despois entre as 50.