David García, Ramón Troncoso, Gustavo César Veloso, Juan F. Mourón, Vladimir Isaychev e Alejandro Paleo estrearán o ano no outro lado do globo.
Terminada a concentración desenvolvida polo equipo ciclista profesional galego no Baixo Miño, Álvaro Pino deu a coñecer os nomes dos seis corredores que irán ao Tour de Langwaki, en Malaisia, que comeza o vindeiro 9 de febreiro, e con el a tempada ciclista.
David García, Ramón Troncoso, Gustavo César Veloso, Juan F. Mourón, Vladimir Isaychev e Alejandro Paleo son os escollidos por Pino, quen ademais comentou ao respecto: "haberá que contar co nivel dos rivais, pero sobre o papel levamos un bo equipo, con xente que demostrou na concentración ter xa unha boa condición física e moitas ganas. Para o equipo subir ao podio na primeira competición no seu debut fóra de Europa é un aliciente importante e por iso imos con máis motivación se cabe".
O técnico xa tiña destacado a Troncoso, Mourón e Veloso como tres dos corredores que na concentración demostraran atoparse a mellor nivel e, polo tanto, deberían ser as puntas de lanza do equipo en Malaisia. A expedición, con Álvaro Pino e Rodrigo Costas (manager do equipo) á fronte, sairá o 4 de febreiro do aeroporto do Porto, nunha viaxe con escala en Frankfurt, e regresará o día 20.
O resto, a Mallorca e Andalucía
Os demais integrantes do equipo acudirán á 'Volta a Mallorca' baixo a dirección de José Ángel Vidal e con Ezequiel Mosquera como líder. O ciclista de Teo quere repetir a súa actuación da pasada tempada, cando acabou terceiro despois de ter estado dous días de líder.
Jesús Blanco Villar, o outro director deportivo do KGZ, dirixirá o equipo na 'Vuelta a Andalucía', entre o 17 e o 21 de febreiro.