O presidente do Partido Popular asegurou nun acto preelectoral en Santiago que o seu é "o partido de Galiza".
O presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, prometeu hoxe convocar un Consello de Ministros na Coruña, como fixera José María Aznar despois do desastre do Prestige, para volver aprobar o Plan Galiza, se gaña as eleccións do 9 de marzo. Así o anunciou durante a convención dos populares que se desenvolveu este sábado en Compostela.
Rajoy tamén anunciou que conseguirá "que a Cidade da Cultura sexa algo do que poidan sentirse orgullosos todos os galegos". Tamén amosou a súa satisfacción pola cantidade de xente que o recibiu no Multiusos do Sar, dicindo que "é a proba de que o PP é o partido de Galiza". Pola súa banda, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, advertiu de que Galiza se xoga "máis que España" nas eleccións xerais, e que a vitoria do PP rematará "coa deterioración institucional da Xunta".
Feijoo comprometeuse diante de Rajoy a conseguir máis escanos ca o PSOE e o BNG xuntos e reclamoulles aos seus militantes que fagan unha campaña baseada en ideas "fronte á crispación". De paso, aproveitou para reivindicar a galeguidade de Mariano Rajoy. Porén, no acto convocado polo Partido Popular non se fixeron públicas as candidaturas ás eleccións españolas.