Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

Médicos pola privada

Como os gobernos non se atreven cos médicos e algúns destes veñen sorteando a lei de incompatibilidades, existe un complemento económico que premia a aqueles médicos que traballan só e exclusivamente para o SERGAS, renunciando, como calquera outro empregado público, ao exercicio privado da profesión.

Redacción - 19:01 18/01/2008

O asunto vén de moi atrás e ten fondo calado social. Calquera outro funcionario está sometido a un rigoroso sistema que imposibilita – ou fai excepcional- que poidas cobrar ao mesmo tempo por traballar como funcionario e por traballar privadamente. O que todo o mundo entende nos avogados, nos peritos, nas arquitectas ou traballadoras sociais, resulta “incomprensible” para os médicos. A xente veu aceptando como o máis normal que o médico que pola mañá está na seguridade social, teña aberto un negocio particular da mesma especialidade pola tarde, que mañá e tarde atenda por veces aos mesmos pacientes e que, dalgunha maneira, poña ao servizo da súa clínica particular as instalacións do servizo público. Agora un sindicato gremial quere que aquel complemento que “compensa” aos médicos que si aceptan e practican o principio de incompatibilidade se pague a todos os médicos, tamén aos que practican a medicina privada. Esta postura é inaceptable. Sempre que hai lucro privado –e na práctica médica privada este non é un lucro menor- hai que estar alerta polo posible conflito de intereses. Ser servidores públicos implica dedicar toda a enerxía e capacidade profesional á cidadanía que exerce o seu dereito – neste caso á saúde- a través dese sistema público e universal. Cumprimento de horarios, calidade de atención, dedicación profesional e capacidade persoal ...sofren cando non hai dedicación exclusiva. Pero a historia demostra ademais, que nesa “simbiose” entre o público e o privado se cometen abusos inadmisibles. E existe unha xeneralizada sospeita, por exemplo, en que certos atascos e listas de espera na sanidade pública teñen algo que ver co interese que algúns profesionais teñen en demostrar que “a solución está na privada”, concretamente, na súa privada.


5/5 (9 votos)