As instalacións galegas da empresa automobilística rexistraron unha produción media diaria de 2.300 vehículos.
O cadro de traballadores da factoría viguesa medrouen 2007 até un 5%, chegando a un total de 9.700 persoas, incorporacións realizadas para atender a elevada demanda de modelos como o C4 Picasso e o C4 Grand Picasso. No comunicado de Citröen desta semana, destácanse no balance de 2007 o nomeamento de Pierre Ianni como director, a produción do vehículo nove millóns, o traslado de parte da produción do Xsara Picasso a Rennes (Francia), a redución de emisións ou o enlace co segundo cinto de circunvalación de Vigo.
Sublíñase ademais que a planta de Vigo alcanzou unha produción de 545.000 vehículos, o que supón un aumento do 19% respecto a 2006 e o maior volume da historia destas instalacións. O vehículo máis producido en 2007 foi o Citroën Berlingo, con 132.000 unidades, seguido do Citroën C4 Grand Picasso con 116.000 unidades, o Peugeot Partner con 115.000 unidades, o Citroën C4 Picasso con 99.000 unidades, e o Citroën Xsara Picasso con 82.000 unidades. Os vehículos distribuíronse en 103 países de todo o mundo, aínda que a Unión Europea concentra o 89% do total.