O cantante terá o acompañamento da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Quen puidera namorala é unha canción que xa pasou por varias xeracións, sen deixar de estar de moda en ningún momento., de xeito que o poema de Álvaro Cunqueiro converteuse nun dos máis populares da historia da literatura galega. Porén, en todos estes anos, dende que a canción apareceu por vez primeira en 1975 no álbum Aí ven o maio, Luis Emilio Batallán non volvera gravar unha nova versión.
Agora regresa ao estudio, para incorporar a canción á banda sonora do filme Pradolongo, rodado integramente en galego. A nova Quen puidera namorala incorpora unha gaita e o acompañamento instrumental da Orquestra Sinfónica de Galicia, que realiza a música para toda a película. O arranxo orquestral daralle á peza unha dimensión máis cinematográfica. Segundo Ignacio Vilar, director de Pradolongo, "o poema de Álvaro Cunqueiro coa música de Luís Emilo Batallán fixeron de Quen puidera namorala a unión ideal entre poesía e música, esa unión axuda a que a historia de Pradolongo toque nas emocións". A gravación realízase no estudios Bruar da Coruña.