Calixto Bieito, de ascendencia galega, podería converterse no gran triunfador da noite con Plataforma, de Houellebecq, que suma 11 candidaturas
O Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego ten aspirantes de peso en 2007. Eduardo Alonso, con Imperial: Café cantante, Vigo 1936; Ánxeles Cuña, con Margar no pazo do tempo; e Suso de Toro, Cándido Pazó, Anxos Sumai, Xosé Manuel Pazos e Sonia Torre, autores de Emigrados, poderían facerse o 4 de febreiro en Sevilla co Premio.
Os candidatos teñen experiencia nos Max, sendo candidatos en varias ocasións. Por exemplo Eduardo Alonso foi finalista en 2005 por Ensaio e en 2006 por García. Máis sorte tiveron Cándido Pazo en 2002, cando obtivo o Max por Ñiki Ñake, e Suso de Toro en 2004, cando gañou con Círculo.
11 candidaturas para Calixto Bieito
A adaptación que o galego Calixto Bieito realizou da Plataforma de Michael Houellebecq recibiu once nominacións: Mellor Espectáculo de Teatro, Mellor Adaptación de Obra Teatral, Mellor Director de Escena, Mellor Actor Protagonista, Mellor Composición Musical, Mellor Escenografía e Mellor Deseño de Iluminación, así como catro candidaturas máis a actores de elenco. Bieito podería ser o gran triunfador da noite, en pugna con Bebé, Un enemigo del pueblo e Marat-Sade.