Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión de xefes de Estado en Lisboa

África-UE: do paternalismo á colaboración

"A axuda é boa, pero aínda é mellor a cooperación nun mesmo plano de igualdade", expuxo o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, no inicio da xuntanza África-Unión Europea.

  • Emisión en directo da cimeira desde a web da presidencia portuguesa da UE

Redacción - 13:00 08/12/2007

É a segunda vez que se realiza unha xuntanza similar, a primeira celebrouse hai xa sete anos en Exipto, e a UE promete desta volta afrontar as relacións estratéxicas co continente africano desde unha perspectiva diferente. "Queremos construír unha política con África no canto de simplemente ter unha política para África", explicou o presidente da Eurocomisión, Durão Barroso, recoñecendo que nese sentido, a labor da UE terá que comezar case "desde cero". "Hai que deixar as actitudes paternalistas e ir máis aló da relación doador-receptor", argumentou Barroso.

O plan de traballo organizouse arredor de cinco grandes temas: democracia e dereitos humanos; comercio e desenvolvemento; paz e seguridade; cambio climático e enerxía; e migración e emprego. A meta é que ao finalizar esta cimeira en Lisboa, exista un conxunto de plans de acción detallados en cada un destes ámbitos que guíe a relación África-UE cando menos durante os próximos tres anos. Deste xeito, en 2010 convocaríase unha nova reunión, daquela a celebrar no continente africano.

Na procura de cotas de poder perdidas?
Malia o discurso oficial co que a UE enchoupa esta cita, no fondo abrolla a realidade da recoñecida preocupación pola crecente perda de influencia da Unión Europea en África. Principalmente, China apareceu no escenario nos últimos anos como actor especialmente interesado en gañar presencia nos mercados africanos.

A xuntanza de Lisboa iníciase ademais coa polémica pola presencia entre as delegacións africanas do presidente de Cimbabue, Robert Mugabe. O primeiro ministro británico, Gordon Brown, anunciou que non estará na xuntanza por este motivo, subliñando os incumprimentos deste país en materia de dereitos humanos. O presidente da Comisión Europea lamentou esta decisión e comentou que Cimbabue "non é o único" país do mundo onde se violan os dereitos humanos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: