O Centro de Documentación pretende dar a coñecer a verdadeira cara do pensador galeguista, e evitar que o seu nome caia no esquecemento.
Uxío-Breogán Diéguez é o coordinador do Centro de Documentación e Estudos Alexandre Bóveda, unha entidade a través da cal reunir a grande cantidade de material que o pensador galeguista deixou ao longo da súa curta pero intensa vida. Bóveda era unha persoa “tremendamente meticulosa, que anotaba todo sobre as xuntanzas ás que acudía”, afirma Diéguez, “polo que a súa familia conta cunha extensa documentación”. Esta información escrita deu constancia da primeira reunión do GALEUSCA, o 25 de de xullo do 33, polas facturas e relacións do gasto do Partido Galeguista.
Pero esta cantidade de material non estaba a ser aproveitada como debería. O Centro naceu para poñer solución a esta desorganización. “A documentación non podía estar nesa situación; non podía estar en mans privadas xa que debería dárselle un trato máis coidado a uns documentos de tanta valía. Son algunhas das poucas referencias que temos do Partido Galeguista”, afirma o coordinador.
A institución vai botar a andar coa creación dun portal web que dará conta de todos os documentos. O traballo comezará coa catalogación e a dixitalización de todo este material, para que calquera persoa interesada -especialmente os investigadores dedicados ao estudo do nacionalismo- poidan dispor dela. Parcialmente poderá ser consultada dende a internet, xa que moitos dos documentos serán visíbeis directamente na web e outros descargábeis.
Formación do Centro
O Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda xorde como idea en 2003, aínda que non é até o 2007 cando a idea se fai real, aproveitando a creación da Cátedra dedicada ao intelectual, que lle dá unha “cobertura idónea e a posibilidade de permanencia no tempo”.
Tras a súa posta en funcionamento, esta institución contará cun director, unha persoa dedicada á catalogación, outra á dixitalización e outra á administración, aínda que é moi posíbel que co tempo se incremente o persoal, e se orienten as súas actividades á investigación.
A Asemblea do 32
Con motivo do aniversario da Asemblea de Concellos, celebrada en Compostela en decembro de 1932, a Cátedra Alexandre Bóveda ten prevista a realización de diversos actos conmemorativos para lembrar a memoria desta figura indispensábel para a historia actual de Galiza. Arredor do día 21 deste mes, realizaranse conferencias e relatorios sobre Bóveda e o labor que tivo na creación do Estatuto de Autonomía.
A Asemblea tivo tres protagonistas esenciais; o primeiro deles foi Alexandre Bóveda, que redactou grande parte dos textos, mais tamén Enrique Rajoy Leloup e Raimundo Pérez Pol, daquelas alcalde de Compostela, que lanza a convocatoria da reunión a todos os concellos do noso país.
O outro Bóveda
“A Alexandre Bóveda non se lle dá toda a importancia que merece”, afirma Uxío-Breogán Diéguez, quen considera que “a súa figura está deformada e desvirtuada”. Xa que logo, a intención da Fundación Alexandre Bóveda é tamén desvelar a súa verdadeira valía, xa que “se pon demasiado énfase no seu catolicismo, pero a verdade é que Bóveda é un adiantado da Teoloxía da Liberación. Non era católico, podería dicirse que era un cristián primitivo”.
Tamén hai que tirar por terra a idea dun Bóveda conservador, “tanto a nivel político como económico”, xa que, segundo indica o coordinador “era un home comprometido co país e propulsor da soberanía de Galiza”. Para Uxío-Breogán o compromiso político do galeguista foi a causa do seu asasinato: “eliminaron o principal intelectual do soberanismo galego”.