Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
NOS 40 ANOS DA SÚA MORTE

Che Guevara, o mito e a historia

Do Che sabemos máis polo mito que pola súa biografía. O primeiro mudou consonto a caída do "socialismo real". E a segunda evidencia o voluntarismo doutros tempos políticos. Un artigo de Miguel Vázquez Freire.

TEMPOS Novos - 11:45 29/11/2007
Miguel Vázquez Freire, membro de Nova Escola Galega e profesor de filosofía

Miguel Vázquez Freire, membro de Nova Escola Galega e profesor de filosofía

Aos 40 anos da súa morte (o 9 de outubro de 1967, aos 39 anos de idade), o diario de maior tirada de España dedicou un editorial á figura de Ernesto Che Guevara. Dez anos antes, fixera o mesmo. Pero se daquela o mítico guerrilleiro era evocado como un home xeneroso e solidario, agora foi despachado coma un desorientado e perigoso aventureiro. É obvio que neses dez anos o Che non tivo oportunidade de cambiar, de xeito que cómpre recoñecer que o cambio non pode ser senón a expresión da metamorfose do propio diario. Ou non só: tamén expresa a propia transformación do mito porque, alén da realidade histórica que os sostén, os mitos si poden chegar a ter vida propia.

O mito

Roland Barthes (Mythologies, 1957) foi probablemente quen máis lonxe chegou na interpretación dos procesos retóricos implicados no discurso mitificador contemporáneo. Entende o semiólogo francés o mito como un "roubo da linguaxe" tendente a transformar en natureza e inmobilidade o dinamismo intencional do histórico. Por iso cualifica o discurso mítico de "fala despolitizada" e, nunha conclusión característica do pensamento francés engagé de posguerra, desde logo moi discutible, determina que o mito é necesariamente unha produción burguesa, de dereitas, mentres que "a revolución", de xeito igualmente necesario, excluiría ao mito.

Esa "linguaxe roubada", que na acepción semiolóxica integra tamén os "textos" visuais (fotografías, películas, documentos audiovisuais en xeral), explica bastante ben o proceso (non necesariamente dirixido: os mecanismos mitificantes escapan ao estrito control consciente) sufrido polo Che como figura mítica. Nun primeiro momento, a súa morte (o seu asasinato) en Bolivia, certificada polas fotografías tomadas polos seus executores, contribúe á formación da primeira variante do mito. A imaxe do Che, morto sobre unha basta mesa, rodeado dos seus inimigos, o seu corpo visto desde un lixeiro escorzo que evoca raramente o Cristo xacente de Mantegna (recentemente, un viñetista vén de subliñar outro obvio paralelismo: a Lección de anatomía de Rembrandt), viña a sumarse a outra poderosa imaxe que xa iniciara anos antes o proceso de mitificación que agora se consolidaba: a foto tomada por Alberto Korda nos actos fúnebres en homenaxe polas vítimas do atentado (organizado pola CIA) contra un cargueiro francés que transportaba armas para o goberno revolucionario cubano, en marzo de 1960.

Contra as intencións dos difusores da foto de Bolivia, a forza simbólica da imaxe do Che morto non destruíu a do Che vivo senón que a reforzou. Pero a despolitización da construción mítica pronto anulou tamén a vontade das esquerdas revolucionarias de apoderarse do mito. Á multiplicación dos cartaces coa imaxe do revolucionario -a ollada decidida fixa nun futuro por conquistar- nas paredes dos estudantes antisistema que ían protagonizar as loitas do sesenta e oito nos campus universitarios de medio mundo, pronto seguiu a súa desvalorización como unha icona máis da sociedade de consumo, válida o mesmo para unha camiseta ca para a decoración dunha discoteca. O que non conseguiran os militares bolivianos e os axentes da CIA, proclamando mediante o certificado fotográfico: "Mirade, este é o voso home, o gran revolucionario, só un home morto" ("Dispara, covarde, só vas matar un home", é a última frase que segundo o relato mítico dixo o Che, retando ao seu asasino), conseguírao o mercado: reducir o mito do guerrilleiro a simple obxecto de consumo do seu odiado e triunfante capitalismo.

O devalo do mito coincidiu tamén co lento devalo dos ideais revolucionarios. Trala caída do muro de Berlín e a desoladora comprobación (xa imposible de poñer en dúbida mediante o tradicional expediente de culpar á "manipulación da prensa e os medios de comunicación burgueses") de que no Leste nada había daquel "paraíso" socialista polo que tantos homes e mulleres entregaran en xenerosa militancia o mellor da súa vida, de que -malia tantos anos de adoutrinamento de Estado (ou, se cadra, xustamente por iso)- nin sequera había apenas comunistas, o mito do Che decididamente asumiu a súa vida de icona consumista. O sinal da súa definitiva despolitización podería atoparse no papel que lle tocou encarnar no musical Evita. Xa desaparecera a distancia entre o revolucionario marxista e a "amiga dos descamisados" peronista. O mito cumprira o seu papel de encubridor da historia.

¿Definitiva? Se cadra estamos asistindo hoxe ao amencer dunha nova vida do mito, á calor do ascenso das alternativas populistas de esquerda en Latinoamérica -Venezuela, Bolivia...-, agora si como claro mito de esquerdas (eu si creo, contra Barthes, que tamén a esquerda mitifica), bandeira de enganche dun movemento que volve a crer no soño guevarista dunha unión dos pobos americanos, cando menos arredor dun común compromiso anti-imperialista. Pero non se esqueza -aquí si asumo de todo a tese barthiana- o compoñente despolitizador do relato mítico. Finalmente, a icona do Che tatuada no brazo dun popular e millonario futbolista, que proclama agora a súa simpatía por Fidel e Chaves, reitera a súa función de encubridora deformante da historia.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 126, novembro de 2007)


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: