O Sinivih é un arquivo de persoas portadoras do VIH que o goberno estatal pretende desenvolver. Agora organizan unha xornada en Compostela pola súa paralización.
O ficheiro de datos persoais dos afectados polo virus da Sida no Estado, o Sinivih, creouse no ano 2000, pero dende aquela permanece paralizado, e o proceso contra a súa activación -apoiado por varias asociacións de afectados polo VIH-, foi movéndose dun tribunal a outro até que a finais de setembro chegaba ao Tribunal Supremo, que finalmente o autorizaba.
Na sentenza, o Supremo permítelle ao goberno español rexistrar, de "xeito semi-anónimo e confidencial, só con fins de control sanitario e epidemolóxico", aos portadores do VIH, "como xa se fai na maior parte dos países europeos", dixeron naquela altura dende o Ministerio de Sanidade.
Agora, as asociacións contrarias ao Sinivih presentaron un Recurso de Amparo ante o Tribunal Constitucional contra esta sentenza do Supremo que, segundo din, vulnera o dereito á intimidade das persoas afectadas polo VIH.
Repulsa á creación de rexistros de vixilancia e control
Neste sentido, tamén teñen organizado varios actos de repulsa á creación deste arquivo, como a conversa-festa que se celebrará esta quinta feira, 22 de novembro en Compostela, no CS Casa Encantada.
Alí ás 20:00 horas comezará un debate entre Marisa Sánchez (do Comité Anti-Sida de Lugo); Carlos Varela (do Comité Anti-Sida de Ferrol); Guillerme Presa (do Comité para a Prevención da Tortura); e Fran del Buey (da asociación PreSOS Galiza), e quen desexe participar. Despois da conversa haberá petiscos e música.